|
Unha serie de explosións no metro de Bombai, centro financeiro
da India, con saldo preliminar de 190 mortos e 600 feridos, corresponde a un retorno na escena internacional dos
atentados terroristas de gran envergadura, aínda que permanece sen definir a súa autoría.
Os servizos policiais indios amosan as súas sospeitas sobre un grupo islamita de Cachemira pero tamén
está aberta unha liña de investigación sobre a posible conexión do terrorismo internacional.
Este atentado tamén acontece nunha conxuntura clave para a India no contexto da xeopolítica rexional
e global, ante o seu ascenso como potencia emerxente.
As inmediatas reaccións internacionais de repudio ao
atentado en Bombai, incluídos os gobernos de Paquistán, EEUU, España, a Unión Europea,
China e Rusia, pódense cualificar non só como unha evidencia da necesidade multilateral de afrontar
o que se considera como a ameaza terrorista global senón da importancia que está tomando a India
no taboleiro da xeopolítica internacional.
Paralelamente a esta conxuntura internacional, o atentado de
Bombai acontece un día despois da notificación do asasinato do líder separatista checheno
Shamil Basáyev, considerado por Moscova como o seu principal inimigo terrorista. A morte de Basáyev,
autoatribuída polos servizos secretos rusos, foi inmediatamente celebrada polo presidente ruso Vladímir
Putin, en vésperas do decisivo cumio do Grupo das 8 potencias mundiais que vai celebrarse en San Petersburgo.
Non obstante, a magnitude do atentado terrorista na India seguramente
ocupará a atención dos líderes mundiais no cumio de San Petersburgo, onde o primeiro ministro
indio Manmohan Singh tamén estará presente. Este acontecemento servirá para que, principalmente
por parte dos gobernos de EEUU, a Unión Europea e Rusia, se axilice a necesidade de fortalecer os mecanismos
de seguridade internacional.
O misterio da autoría
A pesares de que inicialmente ningún grupo se atribuíu
a súa autoría, as primeiras sospeitas sobre os posibles autores deste atentado terrorista se dirixiron
aos grupos islamitas presentes na India, un país de máis de 1.000 millóns de habitantes cuxa
relixión maioritaria é o hinduísmo. Mais tamén 150 millóns de persoas profesan
a relixión musulmán.
As relacións entre as comunidades hindús e musulmá
navegaron por diversas etapas de certa estabilidade, delicada convivencia e aberta violencia. Se estima que na
India existen decenas de grupos militantes armados que utilizan métodos terroristas, tanto de inspiración
relixiosa como ideolóxica, tal é o caso da guerrilla maoísta en varios estados orientais e
no Nepal.
Sen embargo, as autoridades de Nova Delhi apuntaron inmediatamente
a dous grupos:
a) Lashkar-e-Taiba
(LeT): “Exército dos Puros e dos Xustos”. Se
considera o brazo armado da organización relixiosa paquistaní Markaz-ud-Dawa-wal-Irshad, MDI, fundada
en 1989, de inspiración fundamentalista e rigorista baseado no wahabbismo, abertamente contrario á
India e EEUU. O seu líder é Mohammed Latif. O LeT é considerado o principal responsable de
atentados terroristas na India desde 1993.
As autoridades indias consideran que este grupo estivo tutelado
por diversos axentes pertencentes aos Servizos de Intelixencia paquistaní. O seu campo de acción
se organiza nas rexións paquistanís de Muzaffarabad e Lahore, así como en Cachemira.
Este grupo propugna unha unión entre todos os estados
musulmáns de India e Paquistán para formar un só Estado islámico, así como reivindica
a Cachemira como rexión paquistaní. Desde 1999 forma parte do “Fronte Islámico Internacional
para a Jihad contra EEUU e Israel”, fundado por Osama ben Laden, polo que Washington o considerou un grupo terrorista
a partires de 2001 mentres Paquistán prohibiu as súas actividades no seu territorio.
O LeT mantén lazos con grupos relixiosos e militares
dende Oriente Medio ata Filipinas, así como recibe financiamento e achegas da comunidade paquistaní
en Londres e o Golfo Pérsico e homes de negocios en Cachemira.
Co respecto ao atentado de Bombai, unha mensaxe enviado polo
grupo aos medios informativos indios rexeitaba a súa autoría do ataque terrorista. Este comunicado
foi cualificado polas autoridades indias como pouco fiable.
b) O Movemento
de Estudantes Islámicos da India (SIMI): Esta
organización propugna unha revolución islámica na India, polo que a súa organización
é actualmente prohibida polo goberno de Nova Delhi. Fundada no estado de Uttar Pradesh en 1977, o seu fundador
é Mohammed Ahmadullah Siddiqi.
Como o LeT, o SIMI posúe un sentimento anti-EEUU e antiindio.
Avoga por unha jihad internacional que permita a creación dun “califato mundial”, coa finalidade de suplantar
aos gobernos non-musulmáns. O goberno indio considera que mantén relacións co LeT e o grupo
islamita paquistaní Hizb-ul-Mujahideen, así como cos servizos de intelixencia dese país, aínda
que non existen probas contundentes neste sentido.
O seu radio de acción se localiza na rexión de
Maharashtra, onde se atopa Bombai como capital. Antes das explosións do metro nesta cidade, se rexistraron
ataques na localidade de Srinagar, con saldo de sete turistas mortos e 35 feridos, atentados atribuídos
a este grupo.
Inmediatamente, as autoridades indias consideraron que a utilización
de explosivos RDX nos vagóns de metro de Bombai constitúe un elemento recorrente nos atentados que
realizan tanto o LeT como o SIMI. Expertos sobre terrorismo internacional consideran que a pode existir unha evidencia
da presenza de elementos vinculados a Al Qaeda e o “jihadismo salafista”, debido á similitude do método
terrorista implantado nos atentados terroristas de Madrid do metro de 11 de marzo de 2004 e o do metro de Londres
o 7 de xullo de 2005. As investigacións policiais nestes dous últimos casos especulan sobre a posibilidade
dunha conexión paquistaní.
Cachemira e a xeopolítica global
No entanto, o atentado tamén está vinculado a
razóns de carácter global, dentro do contexto rexional e da configuración das alianzas de
seguridade a nivel mundial, e que teñen neste momento á India no centro da atención.
En primeiro lugar, está a cuestión de Cachemira
que mantén en tensión constante á India e Paquistán desde 1947, que levou a tres guerras
directas entre estes países e que, desde abril de 2004, existe unha volátil negociación de
paz. O mesmo día do atentado en Bombai tiñan lugar as eleccións locais en Cachemira (actualmente
baixo control indio), cunha delicada puxa entre os partidos independentistas, musulmáns antiindios e os
pro-paquistanís.
En segundo lugar, a potencialidade nuclear da India e de Paquistán
aumenta a súa importancia nun momento sumamente delicado para o sistema de seguridade internacional e a
proliferación nuclear, principalmente pola crise do programa nuclear iraniano e os actuais exercicios militares
de Corea do Norte no Pacífico e o sueste asiático.
Tanto na crise de Cachemira como na situación nuclear
entre indios e paquistanís entran indirectamente no cálculo EEUU e China como potencias externas
con amplos intereses, polo que existe unha especie de “paz fría” e tensa estabilidade entre Nova Delhi e
Islamabad, condicionada aos movementos que se realicen tamén dende o exterior.
En terceiro lugar, existe unha variación das alianzas
xeopolíticas rexionais, cada vez máis cun significado global. A tradicional relación entre
EEUU e Paquistán, orixinada na “guerra fría” e fortalecida tralo 11-S de 2001, se atopa nun momento
de certa tensión polas dificultades internas do goberno do xeneral Pervez Musharraf para conter os grupos
islamitas radicais, moitos deles vinculados a Al Qaeda e os talibáns de Afganistán.
Washington decidiu mudar abruptamente o cálculo rexional
iniciando unha activa relación directa coa India, enfocada en parámetros militares e comerciais.
A visita do presidente George W. Bush á India este ano foi a evidencia deste novo período. Pola súa
banda, Paquistán tamén reforzou os seus contactos con China para disuadir ao novo eixe EEUU-India.
En Nova Delhi tamén se activa unha diplomacia a dúas bandas con Israel e Irán.
É por iso que, tomando en conta o carácter antiestadounidense
e antiisraelí dos movementos islamitas radicais dentro da India, a tese da autoría do LeT ou do SIMI
no atentado terrorista de Bombai é máis probable logo da estratexia xeopolítica iniciada por
Nova Delhi de achegarse a Washington e Tel Aviv.
En vésperas do cumio do G8 en Rusia, estes grupos terroristas
puideron calcular ese momento clave para volver a aparecer no escenario, tomando en conta a diplomacia que principalmente
Occidente está a realizar coa India, diante da percepción do ascenso deste país asiático
como potencia emerxente na configuración dun novo mapa xeopolítico global e a actual irresolución
de antigos conflitos como o de Cachemira ou o da convivencia relixiosa entre hindús, budistas e musulmáns.
|