| |
|
Unha revolta militar, inicialmente pacífica, derivou
en enfrontamentos nas rúas, saqueos e fuxida da poboación timorense dende a capital Dili ata as rexións
montañosas, provocando a peor crise interna desde a aprobación da independencia en 1999. Ata os momentos,
a intervención internacional vía ONU, principalmente de tropas australianas, apenas pode conter un
escenario de polarización sociopolítica, cuxas implicacións aínda non se coñecen
con exactitude. Considérase que, no orixe da crise, existen consideracións de orde étnico-territorial
e unha puxa política entre o presidente Xanana Gusmão e o primeiro ministro, Mari Alkatiri, aínda
que tamén inflúen intereses económicos externos.
A crise timorense comezou o pasado 8 de febreiro, cunha protesta
diante da sede da Presidencia da República, encabezada polo tenente Gastão Salsinha e o comandante
da policía militar, Alfredo Reinaldo, ao mando de 404 soldados das Falintil-Forças de Defensa de
Timor Leste. Posteriormente sumáronse decenas de efectivos, ata completar 600 militares. Esta protesta,
en principio pacífica e desarmada, denunciaba ante o presidente Xanana Gusmão, o trato discriminatorio
no recen estruturado exército timorense, obedecendo principalmente a razóns de orde étnico.
O factor étnico, engadido ao territorial, considérase
primordial para entender inicialmente esta crise. Os militares que protestaban pertencen á etnia kalade,
principalmente localizada na rexión de Loromunu, na parte occidental da illa. Denunciaban a discriminación
efectuada pola etnia firaku, da rexión de Lorosae, na parte leste de Timor, principalmente en materia de
promocións militares e aplicación da disciplina militar. Ambas comunidades étnico-territoriais
posúen específicos grupos lingüísticos, diferentes entre si.
Xa no momento da independencia, en 1999, pouco despois da saída
das tropas indonesias da illa, existiron enfrontamentos entre os kalade e os firaku. Especúlase, aínda
que sen datos fiables, que a maior parte dos kalade poderían ter votado a favor de que Timor Leste seguise
pertencendo a Indonesia, tralo referendo independentista dese ano. Estas tensións étnicas dentro
do incipiente exército timorense non lograron ser solucionadas.
A rebelión militar
Os militares rebeldes confiaron en Xanana na resolución
da crise, tomando en conta que o histórico papel do presidente na independencia de Timor lle expandía
unha imaxe de relevancia social e política. Pero a súa actuación non foi tan providencial:
o presidente deixou o problema en mans do seu primeiro ministro, Alkatiri, quen non logrou alcanzar un diálogo
acordado cos rebeldes.
A posterior solución oficial adoptada foi tan drástica
como errada: o 16 de marzo, o goberno expulsaba aos 600 militares rebeldes. Dentro dun exército de 1.500
efectivos, esta expulsión constituía case a metade dos seus efectivos. Fontes internas consideran
que, na actualidade, tan só 400 soldados permanecen leais ao goberno timorense mentres un 70% das unidades
da forza policial na capital e outros grupos de elite das Unidades de Intervención Rápida, UIR, desertaron
dos seus postos de comando.
A crise militar provocou un ataque directo do presidente Xanana
ao primeiro ministro Alkatiri, cualificando a súa decisión de “inxusta”. Tras un período de
tensa calma e, probablemente, encoraxados polas palabras de Xanana, os militares rebeldes adoptaron medidas máis
radicais: o pasado 29 de abril pasaron ás violentas manifestacións nas rúas, que levaron a
enfrontamentos directos coa policía e outras unidades militares. Incluso se presentaron ataques contra lugares
estratéxicos como o ministerio de Defensa e o fogar do comandante das Forzas de Defensa de Timor.
Pola súa banda, a poboación civil comezou un éxodo
de millares de persoas cara o interior, principalmente ás zoas montañosas. Isto foi a consecuencia
de que a rebelión militar deu paso a violentos choques entre ambas etnias na capital, Dili. As principais
fontes de información locais e occidentais calculan en cinco as persoas mortas produto da violencia nas
rúas, non só polos enfrontamentos militares senón polos saqueos. Non obstante, os rebeldes
consideran que os mortos superaron as sesenta persoas.
Como marco de resolución dunha crise en ascenso, creouse
unha comisión de investigación, conformada por oito membros do goberno, a Presidencia e a Igrexa
católica, para intentar conciliar as demandas dos militares rebeldes. As súas respectivas conclusións
se esperan rematar nun prazo de tres meses.
A intervención externa
Cunha crise que, definitivamente, superou ao goberno timorense,
aumentaban as demandas para unha intervención internacional de pacificación. O ministro australiano
de Asuntos Exteriores, Alexander Downer, pediu estender o prazo de permanencia das tropas da ONU na illa, que remataba
a finais de abril.
Os acontecementos aceleraron a aplicación dunha intervención
externa. Tropas australianas foron enviadas a Timor a principios de maio, co consentimento do Consello de Seguridade
da ONU, aínda que saíron do seu país antes de que a ONU aprobara este envío.
Na actualidade, Australia, país garante da pacificación
e estabilidade en Timor Oriental, conserva un total de 1.800 efectivos militares aos cales poden engadirse 250
soldados de Malaisia, Nova Zelanda e Portugal, antiga metrópoles timorense, a cal envía unha unidade
de elite de 120 efectivos da Guarda Nacional Republicana. Sen embargo, esta presenza de tropas internacionais destinadas
a garantir a orde pública, apenas pode conter a rebelión cívico-militar existente.
Alkatiri: o centro da crise?
Existe unha complexa e perigosa mestura de factores que explican
a crise timorense, tales como as rivalidades étnicas e rexionais, a elevada pobreza e desemprego, o faccionalismo
político e as secuelas do brutal dominio de Indonesia desde 1975. Todo isto se afonda con rivalidades políticas
que apuntan ao presidente Xanana Gusmão e o xefe de goberno, Mari Alkatiri.
Alkatiri foi recentemente reelixido, cun 97% dos votos, como
secretario xeral do partido gobernante, Fronte Revolucionario do Timor Leste Independente, FREITLIN, o partido
con maioría parlamentaria, contando con 55 do 88 deputados. Por vez primeira, esta elección realizouse
dun xeito aberto para os militantes.
Pero o primeiro ministro constitúe un político
polémico tanto para os moitos timorenses como para actores internacionais como EEUU, Australia e Portugal.
Nun país de pouco máis de millón de habitantes, onde o 92% profesa a relixión católica,
Alkatiri conserva o seu orixe árabe e musulmán. As súas decisións políticas
e as acusacións persoais de intolerante, principalmente por parte dos militares rebeldes, afondan a demanda
popular de pedir a súa renuncia.
Ao contrario de Xanana Gusmão ou o ministro de Asuntos
Exteriores, José Ramos Horta, Alkatiri non formou parte dos líderes que loitaron contra a ocupación
militar indonesia a favor da independencia de Timor Leste. Estando refuxiado en Mozambique durante 24 anos, Alkatiri
apenas estivo en contacto coa realidade timorense, o cal minaba politicamente o seu ascendente popular. A súa
política exterior tamén foi motivo de polémicas, especialmente para EEUU e Australia: enfocou
unha viraxe cara a esquerda, principalmente Cuba e os novos gobernos de esquerda en América Latina.
No plano económico, Alkatiri semellou adoptar unha política
nacionalista que incomodou a Occidente. Nos seus plans está construír unha compañía
estatal petroleira con apoio de China, Malaisia e Brasil. Paralelamente, outorgou a PetroChina un contrato multimillonario
para a construción dun gasoduto, inicialmente prometido a EEUU e Australia. O descontento oficial estadounidense
contra Alkatiri foi evidente cando, o ano pasado, o embaixador norteamericano realizou un aberto apoio á
Igrexa católica dentro dunha puxa social e política contra o primeiro ministro, que levou a manifestacións
nas rúas.
A última hora, un Consello de Ministros de urxencia permitiu
ao presidente Xanana Gusmão asumir a responsabilidade principal nas áreas de defensa e seguridade,
coa posibilidade de declarar o “estado de sitio”. Asemade, Gusmão advertiu a Alkatiri da necesidade de substituír
aos ministros de Defensa e Interior, nunha evidente demostración de fortaleza política ao seu favor,
na particular puxa entre o presidente e a xefatura de goberno.
Timor Leste: un “Estado fallado”?
O panorama social en Timor Leste afonda un escenario preocupante.
Catro anos despois de ser declarada formalmente a independencia, o Timor Leste permanece como un dos países
máis pobres do mundo, onde os seus índices de desenvolvemento humano son os máis baixos dentro
dos países da Asociación de Nacións do Sudeste Asiático, ASEAN, segundo un recente
relatorio da ONU do primeiro trimestre de 2006.
Dende Australia, un dos países garante da estabilidade
de Timor, fálase da posibilidade de que Timor Leste se balancee cara os niveis dun “Estado fallado”. A metade
da poboación non ten acceso á auga potable, a expectativa de vida mantense en 55,5 anos, a metade
dos homes e os dous terzos das mulleres son analfabetos e o alto desemprego afonda unha sensación de frustración
entre a mocidade, moitos dos cales se uniron aos militares rebeldes.
Catro anos despois da súa declaración oficial
de independencia, a actual crise de Timor Leste propicia os temores de que o fráxil equilibrio étnico,
territorial e político derive nunha guerra civil e o fracaso da transición. A rápida intervención
internacional e o consenso interno poden evitar unha situación de maior gravidade.
|