Actualidade Exterior / nº 184-10/2006 de 22 de maio Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
O ocaso de Tony Blair
 
 
Análise

     
   

A derrota electoral nos comicios municipais do pasado 4 de maio reflicten un escenario complicado para o primeiro ministro británico Tony Blair. En Londres aumentan as demandas e os prognósticos relativos ao final da súa era política e, mesmo, aventúranse a sinalar o primeiro trimestre do 2007 como o momento clave para a súa renuncia. Logo de case dez anos de “blairismo”, o líder laborista deixa un legado contraditorio e polémico: forte crecemento económico, descrédito interno e externo polo seu apoio á guerra en Iraq, escándalos persoais vinculados ao seu partido e escasos avances en materia social.

Neste sentido, existen diversos factores que complican a duración do goberno de Blair no 10 de Downing Street, sede do goberno británico. A severa derrota electoral nas recentes eleccións municipais permitiu ao partido Laborista experimentar o seu máis baixo nivel político dos últimos 20 anos.

O laborismo obtivo só un 26% dos votos contra dun 40% do partido Conservador. Perdeu uns 300 dos 1.768 concelleiros, así como 19 concellos antes dominados polo laborismo. Blair observou cómo a oposición conservadora e liberal-demócrata superaba ao laborismo en diversos concellos ingleses.

Ao tempo, unha recente enquisa realizada pola BBC cualifica a Blair, de 53 anos, como o líder laborista con maiores índices de impopularidade: tan só un 26% dos británicos aproba a súa xestión, superando negativamente o índice do ex primeiro ministro laborista Harold Wilson en 1968. Incluso a influínte revista The Economist titulou na súa portada de mediados de marzo de 2006, cun rótulo alegórico: “Os últimos días de Tony Blair”.


Crise no laborismo británico?

Debilitado politicamente, Blair observa tamén numerosas fisuras no seu partido. Resulta unha evidencia pública o enfrontamento interno que mantén co seu anterior ministro e posible sucesor, Gordon Brown. Unha serie de escándalos de corte sexual e de corrupción administrativa salpicou a altos cargos ministeriais do partido Laborista, desgastando aínda máis a imaxe pública do primeiro ministro.

A reacción de Blair diante da derrota nas municipais abriu paso a unha remodelación do seu gabinete, prescindindo de figuras políticas notables do seu goberno como o ministro de Exteriores, Jack Straw, e o de Interior, Charles Clarke. Os seus substitutos, Margaret Becket e John Reid, son considerados veteranas figuras do laborismo pero deixan insatisfeitos a diversos sectores renovadores do laborismo.

Este descontento foi evidente durante unha conferencia de prensa a mediados de maio, cando John Denhan, un alto membro deste partido e ex ministro de Blair, pediu un cambio de estilo no goberno, caso contrario “o partido Laborista perdería as próximas eleccións”, programadas para principios de 2009.


Unha década de “blairismo”

Outeando o futuro da política británica, existen diversos enfoques que sinalan unha posible crise política que obrigue a adiantar os comicios xerais e atopar un substituto para Blair. Tras dos triunfos en 1997 e 2001, en abril de 2005 Blair obtivo o seu terceiro mandato consecutivo, constituíndose no único líder na historia do laborismo en ser reelixido por segunda vez. Pero, a pesares da súa histórica vitoria, na actualidade medran as demandas para que abandone o seu cargo.

A situación de Blair coincide con diversas crises internas noutros países europeos. O presidente francés Jacques Chirac acomete unha forte disputa política interna que involucra aos seus dous posibles sucesores, Dominique de Villepin e Nicolás Sarkozy. O recen electo goberno de centro-esquerda en Italia, liderado por Romano Prodi, tamén afronta un delicado panorama de gobernabilidade, tal e como sucedera nos derradeiros meses co seu antecesor Silvio Berlusconi.

A xestión de Blair pódese dividir en tres aspectos esenciais: a política exterior, a política económica e a política interna e social.

a) A política exterior:

Probablemente, a política exterior de Blair constitúe o aspecto máis polémico e que maiores complicacións políticas lle provocou desde que en 1997 ocupara o cargo de primeiro ministro. Neste sentido, a guerra de Iraq se localiza como o momento máis álxido da súa xestión.

Nos seus comezos, Blair revitalizou a ilusión ideolóxica coa defensa da tese da “Terceira Vía” (concibida polo sociólogo británico Anthony Giddens) e a concreción política do “Novo Laborismo”, unha conxunción moderna dos postulados socialdemócratas do Estado social de Benestar e o liberalismo económico. Paralelamente, a xuventude de Blair imprimía unha imaxe de frescura e modernización da política británica, tralos períodos conservadores de Margaret Thatcher (1979-1990) e John Major (1990-1997). Con estas expectativas, Blair semellou inicialmente incorporarse con certa enerxía ao proceso de integración europeo.

Os ataques terroristas do 11 de setembro de 2001 en Nova York e Washington mudaron decisivamente a orientación política de Tony Blair. O seu frontal aliñamento coas teses da “guerra contra o terrorismo global” defendida polo presidente estadounidense George W. Bush permitiu unha sincronización persoal e política inmediata entre ambos líderes. Bush e Blair conformaron unha alianza reforzada coa invasión militar a Afganistán (outubro de 2001) e, principalmente, coa súa política unilateral e ilexítima de aplicar unha invasión militar a Iraq en febreiro de 2003, limitándose a tese da “guerra preventiva” de Washington e ignorando os mecanismos de solución de conflitos dentro da Organización das Nacións Unidas.

A invasión militar de Iraq e a posterior caótica posguerra provocaron unha aberta oposición interna á política exterior de Blair. As baixas militares británicas e a inestabilidade iraquí afondaron na súa impopularidade. O seu entón ministro de Exteriores, o popular Robin Cook, renunciou contrariado pola posición de Blair. Os ataques terroristas de Londres do 7 de xullo de 2005 sorprenderon a un Blair centrado no cumio do Grupo dos Oito en Escocia e a súa errática estratexia de combater a pobreza en África. Na actual crise internacional polo programa nuclear de Irán, a posición de Blair marcha paralelamente relacionada coa estratexia que impulsa Bush dende Washington.

Este ilimitado apoio de Blair a Bush contribúe a esgotar aceleradamente a súa imaxe política. Fortemente identificado co mandatario estadounidense, esta estreita relación non semella diluírse, a pesares dos problemas internos e externos para ambos mandatarios. Outra vez, a opinión pública ilustra dun xeito significativo o declive desta alianza: a derradeira edición de The Economist titula en portada “Eixe da debilidade: o peche da era Bush-Blair”.

Tampouco foron significativas as súas políticas co respecto á Unión Europea. A súa opción atlantista con Washington permitiu unha ruptura interna na UE no momento da guerra en Iraq. Máis enfocado en manter unha sólida e especial relación con Bush, Blair semellou apartarse da dinámica política europea, remarcando o tradicional euroescepticismo británico. Tan só amosou certo interese durante a presidencia rotativa británica entre xuño e decembro de 2005, onde propuxo sen éxito unha draconiana reforma financeira.

Nese momento, Blair se manifestou diante da Eurocámara como un “proeuropeísta apaixonado”. Pero, posteriormente, as crises políticas internas dentro do laborismo e o goberno británico desviaron a súa atención cara asuntos locais. Un punto clave foi o seu rexeite a someter a Constitución europea a referendo nacional, tras do fracaso da votación en Francia.

b) A economía:

Ao contrario da política exterior, o desempeño económico británico nos últimos anos pódese considerar como un relativo éxito persoal para Tony Blair. Neste sentido, e a traveso da eficaz xestión do seu anterior ministro do Tesouro e agora rival político interno Gordon Brown, Blair enfocou a súa política económico baixo parámetros máis identificados cos postulados liberais.

Os círculos financeiros londinenses consideran como óptima a xestión económica de Blair, con índices de crecemento económico que probablemente colocan a Gran Bretaña como líder dentro das economías europeas. Tamén existe certo consenso popular no saudable desempeño da economía británica. Os cálculos se sitúan entre no 2% e o 2,5% de crecemento do PIB nos derradeiros tres anos, con taxas de desemprego manexables, entre 4-5% da poboación economicamente activa no mesmo período.

Sen embargo, as últimas cifras en materia de desocupación laboral causan preocupación e afectan esta imaxe de efectividade económica. En febreiro de 2006, os datos estatísticos presentaron uns 14,600 novos parados, o índice máis alto desde decembro de 1992. Paralelamente, o Banco de Inglaterra anunciou no seu derradeiro informe quincenal sobre a inflación, un marcado ascenso das taxas oficiais de interese e, polo tanto, a súa repercusión directa na inflación, actualmente calculada nun 2%.

c) A política interna e social:

Sen ter un impacto tan palpable e sensible na opinión pública como a política exterior, a política social de Tony Blair tamén amosou sinais contraditorias, especialmente en asuntos tan importantes como o sistema sanitario e a reforma educativa. Dende a perspectiva da política interna, compre necesario resaltar que os escándalos persoais que involucraron a ministros e colaboradores de Blair influíron na caída da súa popularidade e credibilidade.

As enormes expectativas iniciais sobre a formulación da “Terceira Vía” e o “Novo Laborismo” non deron paso a notorias reformas en materia social. Nos seus nove anos no goberno, o gabinete de Blair apenas puido solucionar o que varios analistas consideran como a “grave crise da sanidade pública” británica. No que atinxe á seguridade social, Blair semellou identificarse máis coas políticas monetaristas de recorte do gasto público social, considerando que varios programas eran “excesivamente dependentes” das políticas estatais.

Na actualidade, o gabinete de Blair está sometendo a aprobación lexislativa un amplo programa de reforma educativa, que mantén algúns enfoques relativos á privatización da educación. Blair impulsa unha reforma que elimine a selectividade nas novas escolas, prohiba as entrevistas e reforce os códigos de admisión. Neste sentido, existe unha forte oposición dentro do partido Laborista pero Blair semella que pode conseguir apoios na oposición conservadora.

A nivel político interno, un dos seus maiores logros foi o seu compromiso coa paz en Irlanda do Norte, afrontando persoalmente as negociacións de pacificación que posibilitaron o Acordo do Venres Santo de 1998, unha fórmula de maior autogoberno e o posterior proceso de desarme do IRA. Do mesmo xeito, Blair mantivo a política da “Devolution” ou autogoberno para Escocia e Gales, iniciada polo seu antecesor John Major, coas eleccións do parlamento escocés e galés en 1997.

Outros aspectos a subliñar da súa xestión se localizan na discusión dunha severa reforma da lei de inmigración, con fortes repercusións no reforzamento da política de seguridade pública. A ameaza terrorista contribuíu a enfocar esta política de Blair baixo parámetros semellantes ao do seu aliado Bush. Un dos factores que provocou o recente cambio no ministerio do Interior de Charles Clarke foi o fracaso en deportar a un milleiro de delincuentes, que permanecen nas rúas inglesas. Do mesmo xeito, Blair recentemente anunciou a súa aprobación para a construción de novas centrais nucleares, cousa que motiva á mobilización na súa contra por parte dos sectores ecoloxistas, co candidato conservador David Cameron e varios dos mais poderosos sectores do laborismo.

Acosado directamente por escándalos persoais dalgúns dos seus ministros e colaboradores (un deles confesou probar a marihuana na súa mocidade), Blair atópase nun escenario delicado. O pasado 8 de maio, durante a súa conferencia de prensa mensual, Blair tentou saír ao paso das demandas e rumores de renuncia. Falou dunha “transición ordenada” mentres informacións filtradas consideran que, mesmo, formula a posibilidade de postularse a un novo mandato. Pero as demandas para que abandone o seu cargo poden complicar aínda máis a estabilidade do goberno británico. Xa se fala, sen ambigüidades, do fin da “era Blair” e da necesidade dun novo primeiro ministro.

     
     
Índice

     
1   Axis of feeble”, en The Economist (Gran Bretaña), 14 de maio de 2006.

Because Britain is so much the junior partner, neither Mr Blair's new weakness nor his possible ejection from Downing Street will have an immediate impact on America's behaviour in the world. Mr Brown has so far given few clues about his beliefs policy beyond the fact that he is an Eurosceptic well-disposed to America.
     
2   Aquí me quedo”, en Revista Cambio (Colombia), 16 de maio de 2006.

Lo cierto del caso es que, al parecer, los ingleses no lo quieren más tiempo en el número 10 de Downing Street, tal y como quedó demostrado en los comicios (municipales) y su presencia tampoco contribuye a la fortaleza de la Unión Europea, donde hay tanto líder débil como (...) Jacques Chirac y (...) Romano Prodi.
     
3   New ‘New Labour’”, por Stryker McGuire, en Newsweek (EEUU), 15 de maio de 2006.

Blair doesn't seem to agree that to save Labour he needs to give it up. But if his unpopularity continues to taint the party, calls for him to do so will only grow louder.
     
4   Labour's Love Lost”, por J.F.O. McCallister, en Time (EEUU), 14 de maio de 2006.

(...) like his comrade George W. Bush, Blair faces his biggest problem because of Iraq. Voters think he stretched the case for war. And the failure to find weapons of mass destruction, as well as the mounting strain on British forces in Iraq, has drained his support.
     
5   Blair's handover signals”, por Nick Assinder, en BBC (Gran Bretaña), 8 de maio de 2006.

The prime minister has discounted plots to topple him, as he sees them, coming from his left-wing –the usual “suspects”- as the swiftest way back into opposition that anyone could devise (...) But he doesn't need to worry about them, they are always going to be there and they do not have the numbers to do him in.
     
6   Blair vs Brown - and the winner is... David Cameron”, por Andrew Rawnsley, en The Guardian (Gran Bretaña), 14 de maio de 2006.

A short-term victory of Gordon Brown over Tony Blair will be purchased at enormous long-term cost if more and more voters come to despise a government obsessed only with its own fratricidal hatreds. There will indeed be a transition of power. But it won't be orderly. It won't be smooth. And it will be from a Labour government to a Tory government.
     
7   ¿Fin de la década de Tony Blair?” por Henry Kamen, en Bitácora Almendrón (España), 15 de maio de 2006.

Es obvio que nadie debe subestimar a Blair. Está decidido a completar su década en el poder, y es muy posible que su carácter resolutivo prevalezca (...) La cuestión ahora es si podrá mantenerse en el poder y terminar su década como primer ministro.
     
8   Blair pris à son jeu”, por Jean-Michel Demetz, en L'Express (Francia), 11 de maio de 2006.

C'est Blair lu-même qui a ouvert les appétis en proclamant l'an dernier qui'il ne briguerait pas un quatrième mandat. Toutefois, il n'a jamais dit qu'il n'irait pas jusqu'à la fin de son mandat, en 2009. Pour Gordon Brown, alors, le dilemme est clair. Il peut patienter, ou tenter l'épreuve de force. Mais un conflit ouvert au sein du Labour ruinerait sans doute ses chances lors de la prochaine élection, face aux conservateurs.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta