|
Enmarcada nun clima de mutua suspicacia e expectación,
a primeira visita do presidente chinés Hu Jintao a EEUU como xefe de Estado da segunda economía global,
condiciona unha relación que marcará as pautas das relacións internacionais para os próximos
anos. Os aspectos comerciais e económicos dominan unha axenda que, simultaneamente, tratará problemas
de alcance global como a seguridade internacional (Corea do Norte, Irán, terrorismo) e o medio ambiente,
aparcando o tema da democracia e os dereitos humanos en China ou a problemática relación con Taiwán.
A entrevista na Casa Branca do xoves 20 de abril non será
a primeira entre Hu Jintao e George W. Bush pero constitúe a primeira visita do presidente chinés
a EEUU como xefe de Estado do seu país. Por tanto, esta visita se traduce nunha importante oportunidade
para revitalizar as relacións entre Beijing e Washington, que non sempre son de amizade.
Para o mandatario norteamericano, así como para unha
parte da opinión pública estadounidense, China constitúe un “rival estratéxico” máis
que un aliado, pero a necesidade de manter unhas fluídas relacións con Beijing, especialmente nos
aspectos comerciais, políticos e militares, condiciona a axenda de calquera administración estadounidense.
No 2005, China experimentou un espectacular crecemento económico
valorado no 10,5%, confirmando a súa consecuente tendencia a ascender na economía global. China é
o terceiro socio comercial estadounidense, cunha ascendente balanza comercial bilateral. En 2005, las reservas
externas chinesas se contabilizaron en $810 milleiros de millóns, das que un 60% correspondería a
capital estadounidense, mentres os investimentos norteamericanos no país asiático alcanzaron os $51
milleiros de millóns.
Pero existen outros puntos escuros. O déficit comercial
estadounidense respecto de China xa está nos $202 milleiros de millóns, polo que incide na axenda
económica que vai dominar a xira de Hu Jintao. Isto se reforza coa presenza de 111 homes de negocios na
comitiva chinesa e a percepción de que, nun mundo globalizado, China deberá experimentar outros retos,
principalmente relativos á supremacía global para o século XXI.
Entre Bill Gates e George W. Bush
Hu Jintao chegou aos EEUU o martes 18, concretamente a Seattle,
para tomar o seu primeiro contacto co mundo empresarial: co propietario de Microsoft, o multimillonario Bill Gates.
Reunirse primeiro con Gates que con Bush dalle unha aposta simbólica por parte de Hu Jintao ao interese
chinés nesta visita de alto nivel.
China recentemente anunciou a compra dun capital de $250 millóns
en sistemas operativos de Microsoft Windows o cal, para Bill Gates, significa que o emerxente mercado chinés
constitúe tanto un reto como unha grande oportunidade de negocios. Pero esta visita tamén posúe
os seus obstáculos, principalmente polos problemas de propiedade intelectual en China, que son moi sensibles
para o tecido empresarial estadounidense. Non se debe esquecer tamén que, aínda que non visitara
esta cidade, o porto de Los Angeles constitúe a principal vía exterior para exportar e importar bilateralmente
as mercadorías chinesas e estadounidenses.
Nesta primeira parada antes de Washington, Hu Jintao tamén
visitou as fábricas de Boeing, onde subscribiu un acordo de compra de 80 avións Airbus que buscará
solucionar parcialmente o déficit comercial estadounidense.
A xuntanza Hu Jintao-Bush terá un significado diferente,
xa que ambos os dous presidentes están expostos a semellantes presións internas. O mandatario chinés
prepara para o 2007 a celebración do Congreso do Partido Comunista, importante para reafirmar a súa
autoridade e conciliar as expectativas do futuro do “capitalismo”, “Socialismo de mercado” nun sistema de partido
único. Pero a posición interna e internacional de Hu Jintao manifesta un claro ascenso, baseado no
pragmatismo e na decisión de consolidar a China no escenario global.
Pola súa banda, no seu momento máis baixo de popularidade,
Bush sometese a unha forte presión diante das eleccións lexislativas de novembro próximo,
onde republicanos e demócratas enfocan tamén a súa atención na evolución de
China. Os primeiros esperan seguir reforzando a cooperación comercial aínda que tamén esperan
que as autoridades chinesas abran a súa moeda, o yuan, na economía global. No caso dos demócratas,
demandan maior presión de Washington na democratización e os dereitos humanos no país asiático.
Non obstante, ambos mandatarios tentarán non tocar en profundidade os temas máis quentes ou irritantes.
China-EEUU: cotexando a supremacía
global?
Esta primeira xuntanza bilateral directa en Washington permitirá
analizar ata qué punto China e os EEUU son quen de dirixir os principais asuntos globais para os próximos
decenios e en qué puntos presentan sinerxías ou desconformidades.
O cumio na Casa Branca ten lugar nunha conxuntura marcada pola
presión occidental cara o programa nuclear iraniano, que vai ser discutido no Consello de Seguridade. A
diplomacia chinesa tenta balancear as presións occidentais, principalmente diante dos intereses enerxéticos
chineses a respecto da potencialidade petroleira de Irán, considerado o cuarto produtor mundial de cru.
O tema enerxético ocupa unha boa parte da atención: xunto á India, China é o principal
consumidor global de enerxía e reforza a súa relación petroleira con Irán e Venezuela,
países con gobernos que amosan posicións inequivocamente antiestadounidenses. É por iso que,
no caso dunha hipotética votación na ONU, China seguramente amosaría a súa negativa,
ou ben a súa abstención, diante de posibles sanciones cara Teherán.
Corea do Norte e Taiwán son outros temas complicados
na axenda, pero que se evitarán tratar en profundidade. O papel de Beijing no tratamento nuclear cara a
Pyongyang supón para Washington un soporte necesario de estabilidade na rexión do sureste asiático.
No caso taiwanés, así como noutros temas como a situación no Tíbet, Beijing semella
dar algúns pasos interesantes cara a conciliación, pero sen substituír os seus tradicionais
intereses. Co risco de confrontación militar sempre presente, no 2008 realizaranse eleccións presidenciais
en Taiwán, polo que Hu Jintao e Bush estarán moi mergullados en coñecer cal será a
tendencia política na illa taiwanesa.
No tema ambiental semellan concordar as posicións entre
Washington e Beijing, especialmente no relativo ao Protocolo de Kyoto. O goberno de Bush rexeitou este documento
mentres China nunca foi parte do mesmo. Pero ambos mandatarios semellan en acordar unha redución de gases
contaminantes como solución ao problema ecolóxico, moi sensible no caso chinés.
En definitiva, a expectación do cumio entre Hu Jintao
e Bush condiciona a maior parte da atención da opinión pública mundial sobre as decisións
das dúas principais potencias do mundo globalizado. O momento tamén ten unha certa dose de simbolismo,
xa que ambos presidentes se reúnen coincidindo co 35 aniversario do primeiro achegamento entre EEUU e China,
da man dos presidentes Richard Nixon e Mao Tse Tung.
|