| |
|
As eleccións presidenciais en Belarus contemplan un novo
escenario na poxa xeopolítica entre Rusia e Occidente polo control do antigo espazo ex soviético.
Mentres en Moscova se recoñeceu inmediatamente o triunfo de Aleksandar Lukasenko, a Unión Europea,
EEUU, a OSCE e a OTAN consideraron o proceso como “fraudulento e inválido”. A pesar da concentración
opositora nas rúas de Minsk, non semella probable a repetición dun escenario similar ás das
“revolucións de cores” en Xeorxia, Ucraína e Kirguizistán, aínda que o illamento occidental
cara Lukasenko podería complicar o seu próximo período de goberno.
Apenas finalizado o proceso de votación en Belarús,
aproximadamente unhas 20.000 persoas (outros calculan que só foi a metade) simpatizantes do candidato opositor
Aleksandar Milinkevich, ocuparon as rúas de Minsk para protestar polo que consideraron un “fraude electoral”.
Sen presentarse actos de violencia, as autoridades sinalaron ao presidente Aleksandar Lukasenko como vencedor cun
82,% da votación, por 6% de Milinkevic, cunha taxa de participación do 935.
Se ben na capital Minsk se presentaban as manifestacións,
onde maior repercusión tivo o resultado electoral foi no exterior. Inmediatamente, o goberno estadounidense,
a presidencia rotativa austríaca na Unión Europea, a OSCE e a OTAN, descoñeceron os resultados,
considerando que se realizou un fraude. Tan só o goberno ruso de Vladímir Putin lexitimou o triunfo
de Lukasenko.
Resulta evidente que Belarus constitúe unha peza importante
para Rusia e Occidente no xadrez xeopolítico no espazo ex soviético, como o fora Ucraína en
decembro de 2004. En EEUU e Europa occidental esperaban ver repetida a experiencia ucraína en Belarus, pero
as circunstancias non semellaban favorables, principalmente porque Lukasenko mantén un férreo control
do poder, apoiado tamén por unha relevante popularidade e un debilitamento da oposición.
No seu discurso, Lukasenko enfocou no nacionalismo e na estabilidade
dos seus doce anos de goberno como as súas principais bazas políticas, amparado tamén pola
repentina bonanza económica, cun crecemento do 8,9% no 2005, principalmente pola súa privilexiada
sociedade enerxética con Rusia. Sen embargo, dende Occidente se acusa a Lukasenko de aplicar medidas fortemente
represivas cara os movementos opositores (o propio Lukasenko advertiu cun discurso violento aos que se manifestasen
na súa contra na véspera electoral), cunha efectividade tal que puido persuadir a moitos electores
á hora de exercer o seu voto a favor da oposición.
Este autoritarismo, a posición antioccidental e prorrusa
de Lukasenko e o excesivo control estatal sobre a sociedade e a economía, colocan ao presidente bielorruso
como un líder incómodo e indesexable para Occidente. En Washington, o presidente George W. Bush incluíu
a Belarus na súa particular lista de países non democráticos, coa intención de provocar
nese país un cambio de réxime similar ao ocorrido en Ucraína a finais de 2004.
Se ben o resultado oficial pode resultar sumamente excesivo
a favor de Lukasenko e, incluso, que teñan certa validez as sospeitas occidentais de fraude electoral, o
escenario sociopolítico bielorruso non deixa de reflectir que o presidente mantén altas cotas de
popularidade e aceptación, sexa por razóns lexítimas ou de coacción do poder. O escenario
post-electoral formulado polo líder opositor Milinkevic, así como EEUU e Europa, esperaba denunciar
un fraude, dar unha imaxe de unidade e fortaleza opositora e esperar a actuación dos gobernos e organismos
occidentais, para contribuír ao illamento de Lukasenko.
Sen revolución e sen cores
A diferenza dos turbulentos acontecementos de Xeorxia, Ucraína
e Kirguizistán, en Minsk non semella probable unha repetición do proceso político denominado
“revolución de cores”, tendente a construír os mecanismos para mudar o liderado tradicional postsoviético,
baixo o verniz da democratización.
Neste sentido, a oposición bielorrusa, dirixida por dous
líderes, Aleksandr Milinkevich e Aleksandr Kazulin, amosou desde un principio sinais de distanciamento e
desunión, con débil penetración popular. Nas eleccións do domingo 19 de marzo, ningún
deles puideron reeditar en Minsk os exemplos do ucraíno Viktor Yuskenko e o xeorxiano Mikhail Saakashvilli.
Tanto Milinkevic e Kazulin como o movemento opositor Zbur posúen
aceptación popular na capital, pero perden forza no interior do país. Paralelamente, a oposición
bielorrusa non alcanzou o obxectivo de mobilización total con continuas protestas na capital, a diferenza
do que lograron os movementos Otpor en Belgrado, Kmara en Tbilisi ou Pora en Kiev. A “vixilia” opositora vai tamén
perdendo concorrencia, con concentracións de entre dous mil e catro mil manifestantes.
Concentrando durante o maior tempo posible aos manifestantes
nas rúas, as actuais estratexias políticas de Milinkevic e Kazulin dependen integramente da presión
occidental cara Lukasenko. É por iso que a loita polo poder en Belarus non se libra só en Minsk senón
no exterior. Rusia, EEUU e Europa occidental defenderán os seus intereses en Belarus, nun capítulo
mais da interminable loita pola transición nas ex repúblicas soviéticas.
A nova “guerra fría”
Dentro dun contexto xeopolítico, Belarus experimenta
tamén a silenciosa puxa entre EEUU, Europa occidental e Rusia polo control de áreas de influencia
no espazo ex soviético.
Para EEUU e a Unión Europea, confiados tralos éxitos
acadados principalmente en Kiev e Tbilisi, semella urxente apoiar a Milinkevic. Pero isto formulaba un dilema contraditorio:
a pesar de que a debilidade da oposición é un fait accomplit, a opinión pública occidental
aplica todo un proceso de illamento do goberno de Lukasenko, acusado polo Consello de Europa de violar os dereitos
humanos, de facer desaparecer ou meter na cadea a opositores. Velaí o corte da axuda financeira a este país,
principalmente tras da aprobación por parte do goberno estadounidense da Belarus Democracy Act en outubro
de 2004.
Neste sentido se localiza a estratexia do presidente George
W. Bush quen, no marco do seu discurso do estado da nación de xaneiro de 2004, non dubidou en cualificar
ao réxime de Lukasenko como unha “avanzada da tiranía” e considerando a Belarus como parte dun ampliado
“eixe do mal”. Precisamente, en Washington trazaron esta estratexia de illamento diante da profusión de
contactos políticos e militares de Lukasenko con Siria, Irán e Sudán desde finais de 2004.
Esta estratexia de acoso e denuncias contra Lukasenko se reactivaron en xaneiro de 2006, durante o discurso de
Bush sobre o Estado da Nación diante do Congreso estadounidense.
En Washington se aprobou un gasto de 11,8 millóns de
dólares no 2005 para promover a democracia en Belarus (se espera que, no 2006, este gasto medre ata os 12
millóns de dólares), mentres organismos como a National Endowment for Democracy, N.E.D. así
como o Partido Republicano, ao traveso de Terry Nelson, líder da campaña presidencial Bush-Cheney
2004, financiaban e se reunían con Milinkevic e membros da oposición na veciña Lituania, para
formular estratexias que conducisen a un levantamento popular contra Lukasenko, aducindo a posibilidade dun fraude
electoral. Do mesmo xeito, días antes da elección, o propio Bush se reuniu coas viúvas de
dous líderes opositores desaparecidos no 2000.
Pola súa banda, en Bruxelas decidiu outorgar un contrato
de 2.4 millóns de dólares á empresa alemá Media Consulta, para difundir noticias dentro
de Belarus e poder así contrarrestar a censura oficial que se lle fai ao bloque de información occidental.
O Ministerio de Exteriores alemán e o organismo británico Westminster Foundation for Democracy (vinculado
ao N.E.D estadounidense) financian unha organización denominada Khopits, cuxa finalidade é a “guerra
informativa secreta” contra Lukasenko, a quen a opinión pública europea constantemente cualifica
como o “último ditador de Europa”.
Outro actor occidental de importancia é Polonia, veciña
de Belarus, cuxo actual goberno conservador tamén contribuíu coa estratexia informativa contra de
Lukasenko. En Varsovia, así como en Lituania, se reunían os líderes opositores. Do mesmo xeito,
o goberno polaco posúe intereses enerxéticos e aplica unha política para crear un bloque liberal
e atlantista no Leste europeo.
Coñecedor das estratexias occidentais, Lukasenko respondeu
cun reforzamento da represión, pechando medios comunicativos e as reunións opositoras así
como a detención dalgúns dos seus militantes. Simultaneamente, Lukasenko acusou a EEUU e Europa de
crear un complot contra do seu goberno que propicie a súa eventual caída. Neste sentido, e nada máis
comezar a campaña electoral, o xefe dos servizos secretos bielorrusos (que manteñen o nome da KGB),
Stepan Sukorenko, anunciaba o desmantelamento dunha trama golpista, inspirada polos grupos máis radicais
da oposición, aliados con socios estranxeiros.
Os intereses de Putin
Se a aposta occidental segue a ser clara, a pesar do novo triunfo
de Lukasenko, a de Rusia non deixa de ser menos relevante. Lukasenko é o presidente máis prorruso
dos mandatarios das repúblicas ex soviéticas, razón pola que recibe un trato comercial preferente
por parte do seu principal aliado económico. Esta estreita relación política e comercial se
amplía ao sector enerxético, tal e como se puido observar en xaneiro pasado durante a crise entre
Rusia e Ucraína.
Dentro deste contexto, a estatal rusa Gazprom obtivo a compra
da infraestrutura petroleira bielorrusa, o cal garante o tránsito do gas natural ruso cara a Europa e baixos
prezos enerxéticos para Minsk, así como a total presenza do monopolio ruso nas empresas enerxéticas
bielorrusas. Outro aspecto corresponde ao plano político: desde 1996, Lukasenko intenta formalizar unha
unión política con Rusia, aínda que diversos analistas en Moscova consideran que o presidente
Putin mantén a Lukasenko como aliado para contrarrestar a presión occidental, principalmente pola
posición xeográfica do país para o paso dos oleodutos e gasodutos rusos e ante imposibilidade
de atopar outro interlocutor.
A pesar de que Lukasenko reforzará o seu poder cun novo
período presidencial, a forte presión occidental mediante unha ampliación das sancións
económicas e políticas e, posiblemente, a actuación de grupos opositores, afectarán
a estabilidade interna en Belarus e reforzará a necesidade de apoio ruso por parte de Lukasenko. A medio
prazo, un clima de imprevisión pode influír na política interna e externa de Belarus.
|