| |
|
A decisión tomada en Viena polos membros da AIEA de enviar
o programa nuclear iraniano ao Consello de Seguridade da ONU, onde probablemente será discutido a próxima
semana, permite intuír unha aberta confrontación entre Irán e EEUU, manifestada principalmente
por unha elevada retórica. A crise iraniana entra así nunha fase decisiva, oscilando entre os mecanismos
diplomáticos, as medidas punitivas contra Teherán ou ben a acción bélica. Escenarios
aparte, nesta crise semellan evidentes tres factores: a crecente importancia estratéxica de Irán;
a contraditoria interpretación occidental cara a proliferación nuclear; e os desexos de Washington
de cambiar de réxime en Teherán.
A nivel global, existen diversos enfoques que interpretan o
que está detrás da crise iraniana. Resulta evidente que, comparando cos casos de India, Paquistán
e Israel, o tratamento de EEUU e Europa occidental cara o programa nuclear de Irán dista moito de ser equitativo.
Esta posición constitúe a demanda oficial do goberno de Teherán, quen observa polo miúdo
as xuntanzas entre representantes estadounidenses, europeos e rusos e a posibilidade de que, a diferenza dos casos
indio, paquistaní e israelí, o seu programa nuclear finalmente sexa discutido no Consello de Seguridade
da ONU.
Neste sentido, non deixa de ser significativa a recente visita
do presidente estadounidense George W. Bush a India e Paquistán, nas vésperas da decisiva xuntanza
de Viena. En Nova Delhi, Bush concedeu unha serie de vantaxes enerxéticas e nucleares ao seu aliado indio
(xunto a Paquistán, potencia atómica oficial desde 1998), tales como a cooperación estadounidense
en materia de desenvolvemento enerxético nuclear e división do programa en sectores civís
e militares.
Neste sentido, a visita de Bush a India e Paquistán constituíu
unha advertencia arriscada de Washington ao goberno iraniano. Neste momento, tamén é palpable a diferenza
da crise iraniana co respecto á crise iraquí de 2003: os obxectivos unilaterais de EEUU e Gran Bretaña
provocaron unha fenda transatlántica con Europa e Rusia que, no caso actual con Irán, semella aparentemente
superada. Mesmo o director da AIEA, Mohammed el Baradeij, anteriormente crítico coa política estadounidense
no Iraq, agora alíñase con Washington na actual crise con Irán, reforzando a tese estadounidense
da ilegalidade do programa nuclear de Teherán.
A inestable relación entre a AIEA
e Irán
A diferenza de India, Paquistán e Israel, Irán
asinou en 1968 o Tratado de Non Proliferación Nuclear en tempos do reinado do Sha Reza Pahlavi. Posteriormente,
o réxime teocrático islámico comezou a desenvolver o seu programa na década dos oitenta
e, en 1995, Teherán asinou un acordo con Rusia para que este país puidese ofrecer información
e tecnoloxía para o enriquecemento de uranio.
A partir de 2003 Irán subscribiu en Viena un protocolo
adicional que permitía aos inspectores de Nacións Unidas controlar, se previo aviso, as súas
plantas nucleares, polo que colocaba o seu programa nuclear dentro dos parámetros establecidos polo Tratado
de Non Proliferación e os obxectivos formulados pola AIEA.
Cronoloxicamente, a crise nuclear iraniana remóntase
a decembro de 2002 cando Washington, inmerso na súa estratexia de acoso contra o réxime iraquí
de Saddam Husein, acusou a Teherán de posuír armas de destrución masiva mentres o presidente
Bush colocaba a Irán dentro do seu particular “eixo do mal”.
En xuño de 2003, trala inspección realizada nas
centrais iranianas de Natanz e Arak, a AIEA afirmou que Teherán non respectaba as súas obrigacións
co tratado. En outubro dese ano, o goberno iraniano declarou ante a chamada “troika europea”, composta por Francia,
Alemaña e Gran Bretaña, a suspensión das actividades vinculadas ao enriquecemento de uranio,
paso previo para a consecución de cabezas nucleares. Un ano despois, Irán aceptou unha moratoria
na que suspendía os seus intentos de tratamento de combustible nuclear.
As presións occidentais cara Teherán comezaron
a ser máis duras coa chegada ao poder do actual presidente iraniano, Mahmud Ahmadíneyad, en xullo
de 2005. O novo mandatario iraniano defendeu como principal proposta política o desenvolvemento do programa
nuclear aínda que, en principio, o seu país non abandonase as negociacións e as inspeccións
da AIEA. En ton desafiante, Ahmadíneyad declarou en setembro pasado que o seu país estaba listo para
transferir tecnoloxía nuclear a outros países islámicos.
A crise se afondou o 15 de xaneiro de 2006, cando as autoridades
iranianas decidiron romper os selos dos inspectores da AIEA na central nuclear de Natanz, localizada no centro
do país, e manifestasen a súa intención de continuar directamente co programa. Sen esgotar
os mecanismos diplomáticos, a Unión Europea declarou a súa intención de comunicar o
problema ao Consello de Seguridade, previa votación na AIEA, mentres Rusia e China intentaron mediar, ofrecendo
a Irán enriquecer en solo ruso o seu uranio.
Estas negociacións deron lugar a que, o pasado 4 de febreiro,
a AIEA adoptara a resolución, apoiada por Moscova e Beijing, dunha posible votación no Consello de
Seguridade da ONU. O pasado 22 de febreiro, representantes rusos e iranianos se reuniron en Moscova para atopar,
sen éxito, solucións negociadas. Rusia intenta converterse no mediador máis cualificado diante
de Irán e a AIEA, tomando en conta a presenza de 35.000 expertos nucleares rusos nas centrais nucleares
iranianas.
A diplomacia moscovita tamén observa evidentes intereses
enerxéticos e xeopolíticos, tendentes a recuperar o seu espazo no escenario internacional, controlar
a eventual competencia enerxética iraniana e frear a súa posible influencia política nas comunidades
islámicas das ex repúblicas soviéticas do Cáucaso e Asia Central.
Neste sentido, e para amortizar o acoso occidental, o presidente
Ahmadíneyad axiliza as súas relacións con Uzbekistán, Tadyikistán e Azerbaixán,
así como con China e os países islámicos do sueste asiático. Do mesmo xeito, Teherán
atopou un aliado importante nun socio enerxético como a Venezuela de Hugo Chávez, país que
xunto a Cuba votou en contra das sancións contra Irán na AIEA e que declarou estar a favor de que
Irán desenvolva o seu programa nuclear. Unha vez que se coñeceu que a crise iraniana vai ser discutida
na ONU, Ahmadíneyad e altos funcionarios iranianos declararon que Occidente pagaría esta decisión
“con dano e dolor”.
A estratexia de EEUU e Israel
No entanto, dentro da crise actual, a tensión afóndase
pola poxa directa entre Washington e Teherán. O 15 de febreiro pasado, a administración Bush asegurou
consagrar un orzamento de 85 millóns de dólares destinados a “promover a democracia en Irán”.
Xa en xaneiro do 2005, o xornalista norteamericano Seymour Martin Hersh advertiu dunha suposta estratexia militar
estadounidense para atacar a Irán. Tamén se considera que existe unha guerrilla árabe na rexión
iraniana do Khuzestán, fronteiriza con Iraq, cun suposto apoio financeiro e loxístico británico
e estadounidense.
Resulta evidente que o presidente Bush espera provocar unha
caída do réxime dos aiatolás iranianos, tal e como deixara entrever no discurso do Estado
da Nación en xaneiro pasado, como mecanismo principal en caso de non atoparse solucións diplomáticas
ou ben para evitar unha guerra a gran escala. En Washington coñecen perfectamente a importancia estratéxica
de Irán, non só por factores enerxéticos como cuarto produtor mundial de petróleo e
gas natural, senón pola súa influencia política en Oriente Medio.
Os cambios políticos en Iraq, Palestina e Líbano
colocan a Teherán nunha posición estratéxica clave, tomando en conta a súa influencia
en movementos islamitas como Hamas ou Hezbollah e na maioritaria comunidade xiíta en Iraq. Isto provoca
unha gran preocupación en EEUU e Israel. Dende a perspectiva iraniana, a sensación de ameaza tamén
está xustificada ante a masiva presenza militar anglo-norteamericana en países fronteirizos como
Afganistán, Iraq, Turquía e Arabia Saudita, así como no Golfo Pérsico e a aproximación
territorial de Israel, India e Paquistán, aliados nucleares de EEUU e Europa occidental.
Tomando en conta o ataque da aviación israelí
contra o reactor nuclear iraquí de Osirek en 1981, fontes occidentais e israelís consideran que Tel
Aviv elabora plans de ataque preventivo contra as centrais nucleares iranianas, un escenario que puidera provocar
unha guerra global a gran escala en Oriente Medio. Así mesmo, o asesor do Pentágono, Richard Perle,
así como o secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, declararon que Washington apoiaría a Israel no
caso de ataque militar.
O problema, tanto para Israel como para EEUU, resulta en que
as centrais nucleares iranianas (Natanz, Ispahan, Arak, Anarak, Bushehr, Teherán, Gehine, Ardkan e Saghand),
están baixo terra repartidas por toda a inmensa superficie do país. Ademais, a firmeza gobernamental
iraniana e a fortaleza militar dos Gardiáns da Revolución revelan que o país pecha filas en
torno ao programa nuclear e está decidido a repeler un ataque exterior.
Na recente xuntanza de Viena, Irán ofreceu a AIEA unha
moratoria parcial de dous anos para desenvolver o seu programa nuclear, polo que os gobernos de Rusia e China pediron
a Teherán unha maior cooperación coa AIEA. Nos EEUU e en Europa consideran que Teherán está
tratando de gañar tempo e terreo para consolidar o seu programa nuclear, velaí a rapidez con que
apresuraron a decisión de enviar o “dossier iraniano” á ONU. Aínda que os mecanismos diplomáticos
sigan activos, a posibilidade dunha escalada do conflito, en termos bélicos, cobra forza toda vez que a
crise desemboque en múltiples friccións.
|