| |
|
Un mes despois da morte do moderado presidente Ibrahim Rugova,
as actuais conversas de Viena sobre o futuro de Cosova implican a decisión sobre a aceptación dunha
eventual independencia da provincia de maioría albanesa, o cal formula para a ONU, a UE e os EEUU o reto
de asegurar os dereitos da minoritaria comunidade serbia. O delicado panorama revela a necesidade de afirmar a
paz nunha comunidade multiétnica como peza clave na transición de posguerra nos Balcáns, aínda
que as posicións radicais entre albaneses e serbios seguen a definir relevantes factores de poder.
O pasado luns 20 de febreiro comezaron en Viena as conversas
sobre o futuro da provincia de Cosova, postergadas trala repentina morte, en xaneiro pasado, do ex presidente cosovar
Ibrahim Rugova. Esta conferencia permitiu, por vez primeira, unha xuntanza, cara a cara, entre os representantes
albaneses e serbios, xunto aos garantes internacionais da pacificación, neste caso a Unión Europea,
a ONU, EEUU e a OTAN.
Practicamente esquecida da opinión pública trala
fin da guerra de 1999, e a pesar do relativo nivel de pacificación, Cosova retorna ao escenario nunha conxuntura
clave pero delicada. Para EEUU e Europa occidental, semella imperativo un éxito democrático en Cosova
como peza fundamental para remodelar os Balcáns da posguerra. Neste sentido, en Washington e Bruxelas esperan
que a ampliación europea a Eslovenia no 2004 e, a curto prazo, a Croacia e Bosnia-Herzegovina, xunto á
estabilidade de Cosova, sexan unha referencia para a eventual integración de Serbia, Montenegro e, posiblemente,
Albania.
Pero o status final de Cosova constitúe un elemento discordante:
trala guerra de 1999, e amparada pola resolución 1.244 da ONU, Cosova seguiu formando parte de Serbia, aínda
que baixo protección internacional e cunha ampla autonomía. Sen embargo, a maioría albanesa
(90% dos 1,9 millóns de habitantes) practicamente gobernaba a rexión, nalgúns casos amparada
pola presenza militar occidental e a actitude dos seus gobernos, preferentemente a favor da independencia de Cosova.
Isto repercutiu nas delicadas relacións entre albaneses
e serbios. En marzo e abril de 2004 se presentaron violentos enfrontamentos entre ambas comunidades, con saldo
de 20 mortos e 800 feridos, sucesos cualificados de represalia por parte dos albaneses contra a minoría
serbia. A pesar da presenza de tropas da OTAN e a ONU no territorio cosovar, e da relativa calma sociopolítica,
a convivencia entre albaneses e serbios ven sendo dificultosa, por non dicir case inexistente. Ademais, os recordos
da guerra aínda son frescos e coaccionan as actitudes políticas de ambas comunidades.
O labor do moderado presidente Ibrahim Rugova permitiu activar
unha progresiva diplomacia cara o goberno serbio e a comunidade internacional, tendente a atopar vías de
entendemento e convivencia. Rugova atopou no moderado presidente serbio Boris Tadic, a un importante interlocutor.
Pero noutros niveis políticos predominan posicións mais radicais e menos pragmáticas.
En Belgrado, a posición pro-cosovar adoptada por EEUU
e Europa occidental non ten boas expectativas. O primeiro ministro Vojislav Kostunica mantén un forte pulso
co presidente Tadic, facendo causa común coas posicións nacionalistas do Partido Radical Serbio dirixido
por Tomislav Nikolic. Ante as declaracións de facto dos gobernos occidentais antes de conferencia de Viena
de instigar ao goberno serbio a aceptar un Cosova independente, tanto Kostunica como Nikolic advertiron que considerarán
o futuro status da provincia como “territorio ocupado”. Isto podería activar un novo conflito, porque os
serbios mais nacionalistas non estarían dispostos a perder o control do que consideran o berce da súa
cultura.
Entre os cosovares tamén existe o perigo de radicalización
do panorama político. Se ben o parlamento cosovar puido elixir o pasado 10 de febreiro ao sucesor de Rugova,
nas mans do moderado Fatmir Sejdu, semella unha realidade que o factor de poder mais importante na política
local atópase nas mans de Hashim Thaci, ex líder da guerrilla do Exército de Liberación
de Cosova, ELK, partidario da independencia total e abertamente antiserbio. A loita polo poder entre Sejdu e Thaci,
entre moderados e radicais, concreta tamén unha disputa entre diversos clans e partidos políticos.
Se ben existe unha predisposición para consolidar o futuro
status independente de Cosova, restan tres delicados factores por resolver. O primeiro, a situación dos
100.000 serbios cosovares que se senten ameazados pola supremacía demográfica dos albanocosovares,
así como dos milleiros de mosteiros e igrexas ortodoxas en lugares tan simbólicos para a cultura
serbia como Gracaniça ou Pesc. Os outros dous factores teñen que ver coa posibilidade de crear un
Exército cosovar (de maioría albanesa) e unha eventual incorporación de Cosova na ONU.
A conferencia de Viena se presenta nun momento moi delicado
nas relacións entre Europa e os países islámicos. Igualmente, o panorama balcánico
segue a ser un puzzle territorial: o próximo mes de maio poderíamos asistir á definitiva partición
da ex Iugoslavia, se os habitantes de Montenegro deciden separarse, vía referendo, de Serbia. O novo mapa
balcánico da posguerra amosaría países como Eslovenia, Croacia, Bosnia-Herzegovina, Serbia,
Montenegro, Cosova e Albania, con confesións relixiosas e configuracións étnicas diferentes.
Neste sentido, Cosova explicita moitas das claves do complicado puzzle balcánico, repleto de tensións
e rivalidades que semellan non ter fin.
|