| |
|
A contundente vitoria de Aníbal Cavaco Silva nas eleccións
presidenciais portuguesas formula tres síntomas de vital significado histórico: en primeiro lugar,
é a primeira vez que o centrodereita ocupa a presidencia do país trala transición á
democracia en 1974. Segundo, e tamén por vez primeira, Portugal experimentará un goberno de cohabitación
entre unha presidencia de centrodereita e un primeiro ministro socialista, neste caso José Sócrates.
Terceiro, a heteroxeneidade electoral da esquerda portuguesa e os disímiles resultados finais afondarán
a complexidade sociopolítica do futuro goberno e a xestión do tándem Cavaco-Sócrates.
Durante a campaña presidencial portuguesa, o candidato
socialista Mario Soares, de 81 anos, cualificou ao candidato do Partido Social Demócrata, PSD, o conservador
Aníbal Cavaco Silva, de 66 anos, como o “mellor candidato á presidencia”. Utilizando a sinceridade
ou ben a ironía, Soares interpretou como ninguén a tendencia electoral que as enquisas xa anunciaban:
unha vitoria de Cavaco, sen coñecerse con exactitude se esta sería na primeira ou na segunda volta.
A predición de Soares foi certeira: Cavaco obtivo unha
incontestable vitoria na primeira volta, cun 50,59% dos sufraxios. A lexitimidade de Cavaco é incontestable,
reforzada por unha participación electoral do 62%, doce puntos mais que na última convocatoria do
2001. Pero o desastre foi para o propio Soares, presidente e primeiro ministro no pasado e auténtico pai
da democracia portuguesa. Só un 14% do electorado confiou no veterano líder socialista, sendo superado
polo tamén dirixente socialista pero presentado como independente, Manuel Alegre, de 70 anos, un dos evidentes
triunfadores da contenda do domingo 22 de xaneiro.
Tanto como Cavaco personificou a estraña mestura de frustración
e ilusión electoral, o “efecto Alegre” evidencia unha fonda división no gobernante Partido Socialista.
Isto significa unha dobre derrota, tanto persoal como política, para o primeiro ministro Sócrates,
quen apoiara abertamente a candidatura de Soares, e para o PS. O boicot de Sócrates a Alegre, rival do primeiro
nas primarias socialistas previas ás lexislativas de febreiro pasado, e o feito de que agora a opción
política de Alegre está consolidada no Parlamento, aventura difíciles relacións entre
o líder socialista-independente e o goberno de Sócrates.
Cavaco contra todos
A marcada división na esquerda levou á presentación
de cinco candidaturas (Soares, Alegre, o comunista Jerónimo de Sousa, o líder do Bloco da Esquerda
Francisco Louçá e Antonio García Pereira) contra a única e homoxénea lista do
centrodereita e os liberais, personificada en Cavaco Silva. Isto debilitou as posibilidades da esquerda e evidenciou
que estas eleccións presidenciais estiveron determinadas pola personalidade dos líderes, por riba
dos proxectos ideolóxicos dos partidos.
A contenda presidencial amosou tamén diversos síntomas
preocupantes da situación interna de Portugal, un país que no 2006 cumpre os seus vinte anos de ingreso
na Unión Europea. Ingreso que ocorreu durante a xestión de quen vai ser agora presidente, Cavaco
Silva, daquela primeiro ministro (1985-1995) e que permitiron unha revitalización económica de Portugal,
grazas aos fondos europeos. A avanzada idade dos candidatos Cavaco, Soares e Alegre amosa unha inquietante tendencia
á incapacidade de renovación política dentro das dirixencias dos principais partidos.
Do mesmo xeito, a grave situación socioeconómica
de Portugal elevou a signos case apocalípticos a percepción popular destes comicios. A duplicación
do desemprego (entre 7 e 9%); e a contracción económica dende o 2002 (o Banco Central portugués
estima que este ano o crecemento apenas será do 0,8%); a caída de Portugal nos índices de
desenvolvemento europeo (ocupa o posto 18, por detrás de países como Hungría e Estonia); a
falta de competitividade da súa economía e as rigorosas medidas fiscais do goberno Sócrates
(aumento do IVE, perda de poder adquisitivo, inflación do 2,6%), son síntomas dunha difícil
situación que complicará as relacións entre Cavaco e Sócrates nos próximos tres
anos, ata as eleccións xerais do 2009.
Este escenario reflicte porqué a maioría do electorado
confiou, incluso cunha aproximación irracional e mesiánica, na opción Cavaco como posible
salvador dunha crise nacional que tamén ten síntomas morais e de autoestima. Se ben se percibe con
nostalxia a época de crecemento económico da “década Cavaco”, o diagnóstico actual
non augura tempos mellores.
O novo panorama
Os resultados das eleccións presidenciais do pasado domingo
van ter importantes consecuencias na vida política portuguesa. En primeiro lugar, a maioría absoluta
de Cavaco na primeira volta outorga ao novo presidente unha lexitimidade equiparable en boa medida á usufrutuada
por José Sócrates, o primeiro ministro, o que pode augurar importantes tensións futuras.
En segundo lugar, a experiencia da cohabitación é
algo inédito en Portugal, e ambos liderados deberán acomodar as súas expectativas a unhas
regras de xogo que, tres décadas despois da “revolución dos cravos” do 25 de abril de 1974, van desenvolverse
nun formato de difícil encaixe e nun contexto de crise socioeconómica.
En terceiro lugar, e para rebaixar temores, cómpre dicir,
que peor sería para Sócrates se o principal gañador da noite fose Manuel Alegre, quedando
de primeiro na esquerda e impedindo a vitoria na primeira, quizais tamén na segunda, de Cavaco. Probablemente,
a sintonía política entre Cavaco e Sócrates á hora de imprimir un determinado selo
ás reformas que se aveciñan en Portugal, sexa maior que a existente co seu compañeiro-rival
de partido.
Esta vitoria de Cavaco, por outra banda, vai ter un efecto revulsivo
nas filas da oposición parlamentaria. Moi decaído polos seus pésimos resultados de febreiro
de 2005, o PSD, reforzado polos datos das autárquicas de outubro pasado (onde gañaron en cidades
como Lisboa e Porto) e este triunfo contundente de Cavaco, sentirase animado dabondo para recuperar protagonismo
público.
Tamén pola esquerda, onde o papel da CDU de Jerónimo
de Sousa e do Bloco de Louçá, deberán amosarse especialmente activos para conter o xiro á
dereita que pode experimentar a política portuguesa nos próximos tempos. Quere isto dicir que aínda
cunha maioría absoluta parlamentaria do PS e unha lexitimidade incuestionable como a de Cavaco, a estabilidade
política portuguesa non está de todo garantida.
O carácter semi-presidencialista da República
portuguesa concibe que a figura do xefe de Estado, neste caso Cavaco Silva, teña potestades non só
protocolarias e consultivas. Ademais do veto, Cavaco terá nas súas mans un arma formidable, a posibilidade
de convocar eleccións xerais cando considere que a situación nacional resulte crítica. Esta
facultade influirá tamén nas súas futuras relacións co goberno de Sócrates.
|