Actualidade Exterior / nº 175-01/2006 de 16 de xaneiro Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior
2006: Perspectivas Globais
 
 
Presentación

     
   

O frenético ritmo de cambios no panorama internacional augura momentos de complexidade para o 2006, traducidos en cinco perspectivas políticas: a convulsión xeopolítica en Oriente Medio; o decisivo xiro electoral á esquerda en América Latina; a influencia enerxética e o ascenso asiático na economía global; as eleccións lexislativas estadounidenses e a substitución de Kofi Annan na secretaría xeral da ONU. Pola súa banda, Europa apreciará un paréntese de relativa calma, orientada aos seus problemas internos.


O enigma iraniano

Como ven sendo recorrente nos derradeiros anos, a zona xeográfica de maior conflitividade mundial para o 2006 volverá a ser Oriente Medio. Non obstante, ao convulso panorama rexional súmanse transicións significativas no balance de poder e o cambio político.

O enfoque de interese céntrase, principalmente, sobre Palestina, Israel e Irán, sen esquecer a traumática transición iraquí e as tensións cara o réxime de Bachar al Asad en Siria. Neste sentido, as eleccións lexislativas palestina do 25 de xaneiro próximo amosan un escenario interesante na transición post-Arafat, que influirá directamente no desenvolvemento das eleccións xerais israelís do 28 de marzo.

No caso palestino, o posible ascenso electoral do movemento islamita Hamas ameaza con quebrar a tradicional hexemonía política dun partido Al Fatah fragmentado pola loita interna e xeracional. En Israel, os problemas de saúde do primeiro ministro Ariel Sharon, que imposibilitan o seu retorno á política, auguran un final de época repleto de incertezas para o sistema político israelí e o futuro da paz cos palestinos, especialmente en caso de vitoria do candidato do Likud, Binyamín Netanyahu. Tanto en Palestina como en Israel, o péndulo político podería derivar cara unha maior radicalización.

Pero o problema de maior envergadura na rexión será a cada vez maior presenza de Irán como actor xeopolítico, centrado principalmente nos seus desexos de impulsar un programa nuclear. Semella existir un consenso interno, entre o presidente iraniano, Mahmud Ahmadíneyad, e a elite dirixente, para alcanzar este obxectivo, a pesar das presións de EEUU, a Unión Europea e a AIEA. A forte retórica antiisraelí de Ahmadíneyad tamén constitúe unha clave política para agravar un panorama tradicionalmente conflitivo.

Iraq será un escenario de tensión, marcado polas divisións internas entre as diferentes comunidades e as dificultades para constituír un goberno de consenso. Pero a transición post-Saddam configura un panorama preocupante de pre-guerra civil, sen minguar a actividade da insurxencia armada. Ante a indefinición e o caos internos, o 2006 tamén será un momento proclive para a discusión, e posible activación, dunha eventual primeira fase de retirada das tropas estadounidenses e británicas, quizais tamén condicionada por factores políticos internos en Washington e Londres.

Por último, evidenciase un illamento internacional e rexional cada vez maior para Siria, lastrada polas acusacións realizadas na súa contra por parte da ONU no relativo aos asasinatos políticos no Líbano. Neste sentido, o réxime de Bachar al Asad podería correr o risco de desintegración e caída, cun considerable impacto rexional.


América Latina: as alternativas emerxentes

Esquecida da atención mundial nos derradeiros anos, o 2005 marcou un comezo de cambios significativos no mapa político latinoamericano, que terán a súa continuación e expansión cos dez procesos electorais hemisféricos previstos para o 2006. Un factor relevante destes procesos ten que ver co ascenso de movementos políticos alternativos e de esquerda e a perda de influencia hemisférica para Washington.

O comezo de ano evidenciou unha marcada atención pola xira internacional do recen electo presidente boliviano, Evo Morales. As súas visitas a Cuba, Venezuela, España e China marcan unha axenda determinada pola convicción do líder indixenista e cocaleiro de diminuír a tradicional influencia estadounidense no país do altiplano, orientando o seu goberno en favor do eixe do ALBA, personificado por Cuba e Venezuela, e os novos mercados enerxéticos como Europa e Asia.

No transcurso do 2006, Morales deberá confrontarse con serios retos de gobernabilidade internos (referendos pola Asemblea Constituínte e a autonomía rexional en Santa Cruz), e no relativo ás negociacións coas multinacionais polo control dos recursos gasíferos e petroleiros. Con todo, a influencia do triunfo indixenista en Bolivia, así como a presumible expansión das teses integracionistas “bolivarianas” de Hugo Chávez, poden influír nunha posible vitoria de movementos nacionalistas e de esquerda nas eleccións de Perú en abril e Nicaragua e Ecuador en outubro próximo.

Mentres, Colombia e Venezuela probablemente opten pola reelección dos seus presidentes, Álvaro Uribe Vélez e Hugo Chávez, e Chile posiblemente confirme a socialista Michelle Bachelet, os escenarios electorais mais esperados son México e Brasil, as dúas principais economías latinoamericanas. México pode confirmar en xullo o decisivo xiro rexional á esquerda coa elección de Manuel López Obrador mentres a crise política interna do presidente Lula da Silva determinará o resultado electoral presidencial en Brasil en outubro.


Petróleo e economía global

A crise entre Rusia e Ucraína polo subministro do gas, presentada a comezos de xaneiro de 2006, e a convulsión política en Oriente Medio, revelaron a inquietude dos mercados globais, principalmente en Europa e EEUU, pola evolución dos prezos do cru e o control dos recursos e as rutas de expansión do petróleo e gas natural, principalmente dende o mar Caspio e Oriente Medio.

Esta tradicional influencia dos factores xeopolíticos nos prezos do petróleo, que permiten plasmar a sensación de volatilidade dos mesmos, contribúen ao seu encarecemento (a cotización actual é de $60-65 o barril). Este factor ven tamén condicionado polo espectacular crecemento do consumo enerxético nas principais economías emerxentes, como China, India e Brasil, e a súa cada vez maior presenza nos mercados globais.

O 2006 manifestará unha tendencia á ralentización do crecemento da economía global, manifestada pola perda de valor do dólar estadounidense, o elevado déficit orzamental na principal economía mundial (3,9% do PIB), a vulnerabilidade dos mercados financeiros ante probables crises monetarias e a expansión de crises sanitarias como a gripe das aves. Asia seguirá a ser a rexión de maior crecemento económico, fortalecida tamén pola recuperación da economía xaponesa.

No contexto europeo, as dificultades presentadas no 2005 pola crise política interna en torno á aprobación do referendo constitucional, o cambio de goberno en Alemaña, as tensións sociais en Francia e a negociación dos orzamentos comunitarios, permitirá unha reordenación das prioridades para o 2006. Isto vaise traducir nun énfase, principalmente en Berlín e París, en recuperar o crecemento económico, a reestruturación financeira comunitaria e unha alza dos niveis de emprego.


Bush: a hora da verdade

En tanto, a presidencia de George W. Bush confrontarase a un decisivo test electoral nos comicios lexislativos de novembro de 2006. O ambiente político en Washington identificará as primeiras posicións para definir prematuramente as posíbeis candidaturas presidenciais para as eleccións de 2008.

Este escenario presentase nunha conxuntura política complicada para Bush e o seu partido Republicano, principalmente polos efectos provocados por un 2005 repleto de escándalos e crises internas, problemas internacionais e a lenta recuperación económica, que repercutiron nunha baixa popularidade da súa presidencia e na proxección dunha imaxe de debilidade e falta de credibilidade. Neste sentido, Bush podería experimentar unha maior oposición e a posibilidade dun veto político ás súas decisións.

Neste contexto, Bush intentará en 2006 recuperar algo do terreo perdido, intentando insuflar confianza ao seu goberno para manter a supremacía republicana no Congreso (231 deputados contra 202) e outear un posible sucesor na candidatura do seu partido para as presidenciais de 2008. Pero os cálculos non están completamente ao seu favor: se espera que o partido Demócrata avance en vitorias nas gobernacións estatais que permitan alterar a actual vantaxe dos republicanos (28 contra 22) e provocar así unha significativa mudanza política no próximo Congreso estadounidense.

No plano da política exterior, a presidencia de Bush non afincou na necesidade de implementar mecanismos multilaterais, tal e como se esperara trala súa reelección no 2004. A crise iraquí desarticula a credibilidade da súa estratexia no país árabe, mentres o desafío nuclear iraniano aumentará no nivel da tensión nos próximos meses. Todo isto sen contar a paulatina perda de influencia política de Washington en América Latina e o imparable ascenso de China como potencia global.

Deste xeito, non semella probable un cambio substancial no seu enfoque da política exterior, principalmente porque Bush estará mais ocupado nos asuntos políticos internos e na necesidade de incluír plans de beneficio social no seu programa, con meros propósitos electorais. Non obstante, os problemas internacionais e a crecente impopularidade da posguerra en Iraq inflúen poderosamente na evolución dos asuntos políticos internos e na capacidade de reacción de Bush.


A ONU sen Kofi Annan

Para finalizar, no 2006 coñeceremos o nome do próximo secretario xeral das Nacións Unidas, en substitución do cuestionado Kofi Annan. Este nomeamento ocorre nunha conxuntura de cambio, reforma e definición do papel da ONU para o século XXI.

A campaña pola sucesión de Annan revelará as puxas políticas entre as principais potencias mundiais. A administración de Bush, principal detractor de Annan, intentará reforzar unha posición hexemónica dentro da ONU, a través das xestións do “falcón” John Bolton, pero China, Rusia e os países africanos son partidarios dunha “solución asiática” para o posto de secretario xeral. Pola súa banda, ex presidentes de Europa do Leste intentarán tamén posicionarse como eventuais sucesores de Annan.

Os escándalos do programa “Petróleo por Alimentos” en Iraq e do labor de funcionarios militares nas operacións de paz en África, afectaron directamente á imaxe de Annan e á secretaría xeral do organismo.

     
     
Índice

     
1   ¿Cómo se presenta el 2006?”, por Walter Laqueur, en La Vanguardia (España), 8 de xaneiro de 2006.

¿Dónde pueden asomar las crisis principales del 2006? Mientras EE.UU permanezca en Iraq no es de esperar que aumenten en gran medida los niveles de violencia (...) Ahora bien, Irán es un caso más peligroso, dado que no hay diplomacia que valga capaz de inducir al gobierno de Teherán a moderar o contener sus esfuerzos por hacerse con armamento nuclear (...) Tal podría ser la crisis principal del 2006.
     
2   Two uncertain elections will determine the future of Israel-Palestinian relations”, por James Phillips, en The Heritage Foundation (EEUU), 6 de xaneiro de 2006.

As uncertain as the Israeli elections now appear to be, the Palestinian elections are roiled even more unpredictable factors. Mahmoud Abbas, a weak and indecisive leader (...) faces major challenges to his leadership from within Fatah, his own political organization, and from Hamas, the radical Islamic movement that pledges to destroy Israel and continues to be the leading source of Palestinian terrorism.
     
3   Iraq's election Aftermath reveals a Failed State”, por Michael A. Weinstein, en The Power and Interest News Report (EEUU), 5 de xaneiro de 2006.

Washington knows that protracted negotiations would only increase the momentum toward regionalism, encourage the insurgency, delay rebuilding and leave the way open for intensified inter-communal conflict, all of which would herald a failed state.
     
4   Ante Irán, impaciencia injerencista e hipócrita”, editorial en La Jornada (México), 9 de xaneiro de 2006.

Independientemente de que las autoridades de la República Islámica quieran enriquecer uranio para producir electricidad o para colocar al país en la lista de las naciones que poseen armas nucleares, no son honestos ni creíbles los esfuerzos de los gobiernos occidentales y de la AIEA para disuadir a los iraníes, toda vez que los mismos que ahora se escandalizan ante la perspectiva de que Teherán fabrique armas atómicas permitieron, en su momento, su desarrollo en Israel, Pakistán e India.
     
5   Will lightingt strike the Republicans?”, en The Economist (Gran Bretaña), 5 de xaneiro de 2006.

More attention is paid to Congress, but the Democrats ' most important gains will probably come in the governors'races. The Republicans currently hold 28 governorships to the Democrats'22, but that majority is sure to shrink and may dissapear.
     
6   La geopolítica empuja los precios”, por Humberto Márquez, en InterPress Service (Italia), 9 de xaneiro de 2006.

La confrontación entre Rusia y Ucrania por el gas natural y la enfermedad del primer ministro israelí Ariel Sharon, entre varios factores geopolíticos, empujaron al alza los precios del petróleo al cerrar la primera semana del 2006.
     
7   The World is tilted”, por Clive Prestowitz, en Newsweek (EEUU), 8 de xaneiro de 2006.

By managing exchange rates to keep the dollar overvalued and their exports prices low, other countries can oversave and overinvest because the excess production can be exported to the U.S market (...) But if it was flawed, the argument is now in tatters in the face of the second aforementioned factor: the entrance into the global economy of China and India.
     
8   Giro a la izquierda”, en Semana (Colombia), 10 de xaneiro de 2006.

¿Qué significa este innegable giro a la izquierda? Hay explicaciones de tipo general, relacionadas con el fracaso del modelo hasta ahora dominante para solucionar los problemas sociales. Después de 15 años de neoliberalismo, América Latina perdió la imagen de continente de la esperanza y ha sido desplazada en el panorama mundial por otros centros geográficos. En especial, Asia.
     
9   Kofi Annan. Après lui, qui?”, en Jeune-Afrique-L'Intelligent (Francia), 25 decembro 2005-7 de xaneiro de 2006.

L'héritage d'Annan ne sera pas une sinécure. Depuis trois ans, le secrétaire géneral est en butte aux attaques de l'administration Bush. Par ailleurs, les scandales qui l'ont secoué (...) ont contribué à décrédibiliser la fonction aux yeux de l'opinion.
 
Volver a TitularesVolver a Actualidade Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/01/2006
Fernando Pol


Subir