|
En perspectiva global, o 2005 significou un ano de cambios,
transicións e incertezas que auguran complexidades para o 2006 con respecto á configuración
dun sistema estable nas relacións internacionais. Neste sentido, o enfoque multilateral segue a ser unha
alternativa viable á hexemonía estadounidense, toda vez que a opción unilateral da administración
Bush revelou contradicións e debilidades, salpicadas por escándalos relativos ás torturas
e violacións dos dereitos humanos. O derradeiro ano deixou sen resolución diversos escenarios conflitivos
(Iraq, Palestina, Oriente Medio); amosou incertezas futuras (a evolución da Unión Europea, o programa
nuclear iraniano, a reforma da ONU, a economía global), presenciou novos episodios do terrorismo global
(atentados en Londres, Exipto e Xordania) e revelou o decisivo ascenso de China e a aparición de modelos
autóctonos en América Latina.
Realizando unha clasificación xeopolítica dos
principais acontecementos do mundo no 2005, se presentan cinco escenarios claros: EEUU e as contrariedades da presidencia
Bush; os dilemas dentro da Unión Europea; o imparable despegue de China; as tensións en Oriente Medio
e o decidido xiro político á esquerda e ás tendencias autóctonas en América
Latina.
As dificultades de Bush
No seu primeiro ano de reelección, George W. Bush experimentou
as deficiencias e debilidades do seu enfoque unilateral e os riscos adoptados pola súa agresiva política
exterior. O mandatario republicano finaliza o 2005 cos índices de popularidade mais baixos dende a súa
chegada á Casa Branca (47%), produto dunha serie de incongruencias políticas, desastres naturais
e escándalos internos que minaron aínda mais a súa escasa credibilidade.
Esta perda de credibilidade tivo o seu mais patente exemplo
nas revelacións públicas sobre as falsidades da guerra en Iraq (escándalo Plamegate) e a utilización
da tortura e mecanismos de violacións de dereitos humanos (Guantánamo, Abu Ghraib, os voos ilegais
da CIA en Europa, as escoitas ilegais), que provocaron un forte impacto na opinión pública e unha
vertixinosa caída de aceptación da súa xestión.
A isto se lle engade a convulsionada situación de Iraq.
A pesar de que se celebraron tres convocatorias electorais no 2005, cunha sensación de transición
post-Saddam, o caos interno, a recorrente violencia e o espectro dunha guerra civil auguran un escenario aínda
mais conflitivo. Deste modo, xa comeza a ser vox populi en Washington o anuncio dun cronograma de retirada de tropas
para o 2006.
A grave crise social e sanitaria provocada polo paso do furacán
Katrina por Nova Orleáns en setembro pasado revelou tamén a ineficacia do sistema estatal e a resposta
gobernamental ante crises desta magnitude, así como evidentes desigualdades socioeconómicas e raciais
dentro da sociedade estadounidense. Pero, a pesar do crítico ano, Bush se prepara con certo optimismo para
o 2006 no seu intento de renovar a maioría parlamentaria nas eleccións lexislativas de novembro próximo,
e aproveitando a indefinición do Partido Demócrata por atopar candidato ás presidenciais do
2008.
Os dilemas de Europa
Non menos difícil foi o 2005 para a Unión Europea.
O contundente fracaso do texto constitucional tralos referendos francés e holandés en maio pasado,
deu ó traste cos esforzos oficiais por alcanzar unha Constitución. A pesar de que o rexeite francés
á Constitución europea obedeceu mais a factores políticos internos, resulta patente que existe
en Europa unha clara crise de identidade.
Outros aspectos revelaron o que algúns analistas non
dubidaron en cualificar como o “annus horribilis” europeo. As dificultades para formar goberno tralas eleccións
alemás determinaron unha insólita (e, posiblemente, fráxil) coalición entre conservadores
y socialdemócratas. A impresionante revolta social en Francia en novembro revelou, coma en Nova Orleáns,
problemas internos de discriminación cara a inmigración e desaxustes no modelo socioeconómico.
E a ampliación cara Europa do Leste continúa, con diversas contrariedades e altibaixos, esperando
o futuro ingreso de países menos desenvolvidos como Croacia, Romanía e Bulgaria e iniciando duras
negociacións con Turquía, a pesar da elevada impopularidade europea cara á súa eventual
admisión.
Para finalizar, a presidencia rotativa británica afrontou
diversas dificultades para atopar un acordo orzamental comunitario para o período 2007-2013, mentres fracasou
en formular alternativas de reforma económica liberais. No plano económico, a “eurozona” volveu a
ralentizar o seu crecemento económico, coaccionada ante o elevado crecemento asiático.
China: a confirmación da emerxencia
Os dilemas transatlánticos se converteron en sólidas
realidades para potencias emerxentes como China e India. O caso chinés revela un escenario que semella inevitable:
o xigante asiático consolida os seus espectaculares crecementos económicos, en torno ao 9% anual,
mentres comeza a ingresar nas institucións internacionais e os mercados globais. E finaliza o ano 2005 como
cuarta potencia económica mundial, superando a Francia, Italia e Gran Bretaña.
As tensións comerciais cara o téxtil chinés
en Europa e EEUU foron secundadas polo elevado consumo enerxético do país asiático e a súa
necesidade de atopar novos socios petroleiros (Venezuela, Rusia, Irán). Do mesmo xeito, a diplomacia chinesa
enfocou a súa aspiración global en América Latina e África. Afrontando novos escenarios
e problemas, esta evolución, cada vez máis rápida, debería ter a súa continuidade
no 2006.
Oriente Medio: nin paz nin seguridade
Cando no 2003 o presidente Bush lanzou o seu programa do “Grande
Oriente Medio” para expandir a democracia “dende Marrocos ata Paquistán”, non esperou acontecementos tan
conflitivos como os que tivo que vivir a rexión no derradeiro ano.
Coa interminable convulsión iraquí como referente,
o reto fundamental para Washington comezou a manifestarse cos intentos de Irán de alcanzar un programa nuclear,
acelerados en xullo pasado co cambio de goberno en Teherán. O presidente iraniano Mahmoud Ahmadíneyad
imprime actualmente unha evolución política acorde cos postulados do aiatolláh Ruhollah Khomeini,
o cal aumenta as preocupacións de EEUU, Europa e os seus aliados rexionais. Neste sentido, as principais
tensións, principalmente retóricas, se presentaron entre Irán e o seu principal rival, Israel.
A transición palestina post-Arafat está revelando
un verdadeiro cambio político que terá un momento de definición no primeiro trimestre do 2006.
O ascenso político e electoral do movemento islamita Hamas é un evidente reto para a tradicional
hexemonía do partido Al Fatah e para Israel, inmersa tamén nun complicado proceso electoral. Simultaneamente,
as negociacións de paz semellan estancadas e a frustración se apodera da poboación palestina.
Siria e o Líbano foron tamén protagonistas. Os
asasinatos do primeiro ministro libanés Rafif Hariri e o líder opositor antisirio Gibran Tueni, así
coma o regreso dos atentados terroristas en Beirut, foron secundados pola presión internacional cara Siria,
acusada nun informe da ONU de estar detrás dos asasinatos. A retirada militar siria do Líbano tras
31 anos de presenza e a vitoria electoral das opcións antisirias no Líbano afondaron tamén
as presións occidentais cara o réxime de Damasco, debilitado trala invasión estadounidense
de Iraq e a súa paulatina perda de influencia política no Líbano.
A vaga de democratización en Oriente Medio deixou resultados
incongruentes. Arabia Saudita e Kuwait amosaron unha amplitude na participación electoral feminina, pero
as eleccións presidenciais de Exipto revelaron a dobre cara dos intereses de Washington. A represión
contra os ascendentes resultados electorais do movemento dos Irmáns Musulmáns e a excarceración
do seu líder son una expresión do clima de conflitividade e das dificultades da democratización
na rexión.
Transicións en América
Latina
Para finalizar, o 2005 revelou un mapa de cambios políticos
en América Latina que terá a súa maior expresión coa masiva celebración de procesos
electorais que vivirá a rexión ao longo do 2006 e que a colocará no centro da noticia.
A recente e contundente vitoria electoral do indixenista Evo
Morales en Bolivia é unha expresión desta época de mudanzas. América do Sur torna á
esquerda política, tomando en conta os gobernos nos seus principais países: Hugo Chávez en
Venezuela, Lula da Silva en Brasil, Néstor Kirchner na Arxentina e Tabaré Vázquez en Uruguai.
Á espera da segunda volta electoral chilena, que podería levar por vez primeira á presidencia
a unha muller, a socialista Michelle Bachelet, outros países como Colombia, Perú, Nicaragua, Costa
Rica, México, Brasil e Venezuela, celebrarán comicios no 2006.
O 2005 revelou tamén o choque na dinámica dos
modelos de integración. No Cumio das Américas de Mar del Plata, a Asociación de Libre Comercio
das Américas, ALCA, impulsada por Washington, obtivo resultados contraditorios: 29 dos 35 países
latinoamericanos aprobaron este texto, moitos con reservas. Pero a principal oposición se concentrou no
“bloque Mercosur”: Brasil, Arxentina, Uruguai, Paraguai, Venezuela e, agora, Bolivia con Evo Morales.
O presidente venezolano Hugo Chávez segue a impulsar
a súa Alternativa Bolivariana para as Américas, ALBA, apoiada por Cuba e directamente anti-ALCA.
A vitoria electoral boliviana de Morales, aliado de Chávez e do ALBA, confirma cómo o presidente
venezolano converteuse no líder rexional mais influínte no 2005. Chávez vertebrou a expansión
do seu modelo baixo dúas vías: a enerxética (Petrosur, Petroandina, Petrocaribe) e a comunicacional
(Telesur), así como acelerou a oferta rexional de programas de asistencia social sanitaria e de alfabetización
cara os sectores mais empobrecidos.
Cun Chávez nun momento estelar, a esquerda latinoamericana
atopa outra vía, mais radical, trala crise política que vive o presidente brasileiro Lula da Silva,
cos escándalos internos de corrupción no Partido dos Traballadores, e que coloca a súa presidencia
nunha delicada situación. Lula e Chávez personifican dúas vías que serán tomadas
en conta polos partidos e movementos de esquerda, a maioría deles favoritos electorais ao longo do 2006.
Un destes escenarios importantes será México, membro do ALCA, que celebrará eleccións
presidenciais en xullo próximo.
Este escenario latinoamericano reflicte a perda de manobra política
estadounidense na rexión. Para Washington, se ben Chávez constituíu o líder mais incómodo
no 2005, o seu interese se enfoca en Brasil e a súa emerxente economía. Está tamén
por ver se avanzan os acontecementos en Cuba e a posibilidade dunha transición. Neste sentido, o 2006 revelará
novas realidades ou novos enigmas.
|