Actividades
|
| |
VII edición dos Premios Lois Peña Novo
Galardón ó IGADI en recoñecemento
ós seus 10 anos de traballo na creación e difusión da información internacional en
galego |
| |
| |
“Reunidos na Pousada de Soutomaior o día trinta de maio
de dous mil un, os membros do xurado da VII edición dos Premios Lois Peña Novo, Xesús Ferro
Ruibal, escritor e membro da Real Academia Galega, como presidente; Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado
da Audiencia Provincial de Pontevedra; Purificación López Gómez, letrada do Parlamento de
Galicia; e Xermán Garcia Cancela, xefe do servicio de traducción da Consellería de Presidencia,
así mesmo, da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas,
acordan outorga-los premios Lois Peña Novo nesta sétima edición facendo a consideración
previa de que como xurado constatan que a pesar do sustento xurídico que ten o uso do galego, aínda
se seguen producindo dificultades nalgúns puntos concretos de diferentes administracións públicas,
este xurado quere manifestar a súa simpatía e apoio a aqueles funcionarios e funcionarias que en
circunstancias adversas manteñen o uso do galego con firmeza e dignidade”.
Deste xeito, a decisión do xurado foi concede-los seguintes premios:
Ó Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), polos seus 10 anos de
traballo na creación e difusión da información internacional en galego e tamén da difusión
da información galega no eido internacional.
Tamén resultaron premiados: o Concello de Muros, Carlos Varela García, e o Instituto da Lingua Galega.
A Fundación Lois Peña Novo xurde coa finalidade de contribuír á extensión do
uso da lingua galega en todos os ámbitos da nosa Comunidade. |
| |
|
| |
| |
| Discurso de agradecemento de Xulio Ríos, director do IGADI,
ó recibir o Premio da Fundación Lois Peña Novo |
| |
Sr Rector Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela.
Sr Alcalde e outras autoridades.
Sres membros do xurado e patronos da Fundación Peña Novo.
Estimados amigos e amigas.
Quero en primeiro lugar agradecer a distinción que nos foi concedida ó Igadi, unha iniciativa, como
sabedes, xenuinamente independente e cunha sincera vontade de servicio ao país. Desexo compartir o premio
con todas aquelas persoas que veñen colaborando activa e de diferentes maneiras con nós para ir abrindo
fiestras, comprender o mundo desde aquí e proxectar a Galicia no contexto internacional. Esa gratitude é
especialmente debida a Beni Castiñeira e Cruz López, nosas madriñas voluntariosas no dominio
do asesoramento lingüístico.
Nun ámbito de traballo coma o noso, poliglota por forza, aberto a todo tipo de culturas, persoas e idiomas,
a opción do galego responde a unha fonda identificación co ideario universalista, na mellor das tradicións
de figuras como Plácido Castro, Lois Tobío e tantos outros galeguistas. No galego non se esgota a
nosa capacidade de amar. Abrazamos, por necesidade e convicción, tanto o francés como o inglés,
o portugués ou o español, pero despois de tantas voltas polo mundo, problemas e idiomas incluidos,
a nosa identidade volve sempre ás súas orixes: podemos, debemos, ser cidadáns do mundo sen
deixar de ser galegos, exercendo de galegos no mundo. Co noso idioma por diante.
Moitas gracias. |
| |
|
|

Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/07/2001
|