ActividadesVolver a TitularesVolver a Actividades
 
Intervención de Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, na sinatura do Convenio co Fondo Galego
 
 

  Convenio DXCE - Fondo Galego, clic para aumentar
Na mesa, de esquerda a dereita, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia; Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; e Antonina Semedo, tesoureira da Asociación Tabanka. (Foto: ©igadi.org 15/09/2006).
 
Santiago, 15 de setembro de 2006.

Bos días.

Agradézolles a oportunidade de compartir con todas e todos vostedes esta primeira xuntanza do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, na que ten lugar o asinamento dun importante convenio de colaboración.

Convenio que é expresión nidia a da solidariedade galega, de mobilización da sociedade orientada a procurar a superación real da pobreza e da marxinación, pero tamén unha mostra do compromiso do Goberno galego coa cooperación ao desenvolvemento.

Quixera comezar expresándolles o meu convencemento de que a pobreza é creada polo ser humano e pode e debe ser vencida polas accións dos seres humanos.

Traballar por erradicala é un acto de xustiza e un deber para con un dereito humano fundamental que sempre nos será cercano e universal: o dereito á dignidade e a unha vida digna.

Dende que asumín a Presidencia do Goberno galego, apostei de xeito decidido por accións de política social que melloren a calidade de vida dos nosos cidadáns, pero tamén por aquelas que contribúan a crear unha sociedade que inclúa entre os seus principais valores a xustiza social, a equidade e igualdade de oportunidades, e o respecto polos Dereitos Humanos.

Teño a seguridade de que cantos hoxe nos sentamos aquí, así como a cidadanía e institucións que representamos, compartimos un deber ético común: o compromiso de traballar pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

É necesario buscar a forma de conseguir unha distribución máis equitativa e xusta dos recursos mundiais, conseguir un mellor goberno da globalización, do mundo e un desenvolvemento máis equitativo.

Sabemos que o liderado político, a acción gobernamental e a promoción de servizos públicos son elementos vitais para que as políticas de cooperación ao desenvolvemento sexan efectivas e eficaces. Como o é a concertación e implicación da sociedade civil na procura destes obxectivos.

Neste deber ético común, Galicia, o Goberno galego está e seguirá estando co maior compromiso e coa maior actitude solidaria requirida.

Por iso, asumimos as políticas de cooperación ao desenvolvemento e axuda ao Terceiro Mundo como actuacións prioritarias na nosa acción de goberno.

A situación de pobreza, violencia e inxustiza na que vive a maioría da poboación mundial é, sen dúbida, responsabilidade de todos os países, de todas as persoas.

Galicia medra e quere seguir medrando no marco dun sistema mundial globalizado no que a solidariedade e a distribución equitativa dos recursos e da riqueza sexan o horizonte que nos guíe.

Pero seguir avanzando de xeito sostible supón, ineludiblemente, afrontar o feito de que na actualidade, máis de 3.000 millóns de persoas carecen dunha vida digna a causa da pobreza.

Fame, SIDA, analfabetismo, discriminación de mulleres e nenas, depredación da natureza, desigualdade no acceso á tecnoloxía, inxustas políticas comerciais, explotación laboral, desprazamentos masivos a causa dos conflitos e migracións provocadas pola falla de equidade na distribución da riqueza a nivel internacional, son diferentes aspectos do mesmo problema: a situación de inxustiza que sofre grande parte da poboación mundial.

Por iso, o 8 de setembro do ano 2000, a comunidade internacional, no marco das Nacións Unidas, subscribiu a Declaración e os Obxectivos do Milenio.

Declaración que se ten convertido en eixo fundamental da política de cooperación galega e dos concellos e das deputacións que hoxe estamos aquí. Permítanme que, no marco do acto de hoxe, lles lembre de novo os obxectivos a acadar:

Erradicar a pobreza extrema e a fame.
Acadar a escolarización primaria universal.
Promover a igualdade entre os xéneros e dar poder á muller.
Reducir en dous terzos a mortalidade infantil.
Reducir a mortalidade materna en tres cuartas partes.
Combater o VIH/SIDA a malaria e outras enfermidades.
Garantir a sustentabilidade ambiental.
Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.

Pois ben, sendo partícipes destes obxectivos, a comezo do presente ano presentei, diante de todos os actores implicados na cooperación para o desenvolvemento, as liñas mestras da nova política de cooperación galega para o desenvolvemento.

Daquela, expresei o meu compromiso e o do meu goberno por unha cooperación transformadora e de calidade baseada no dereito ao desenvolvemento.

Compromiso que se traduciu no Primeiro Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, referendado primeiro de todo polo sector de cooperación e despois, o 24 de abril, por todas as forzas do Parlamento de Galicia, onde foi aprobado por unanimidade.

Dende aquela, puxéronse en marcha 70 accións de cooperación, ben de xeito directo ou ben a través de distintos actores, así como iniciativas de fortalecemento deles ou de sensibilización da poboación galega.

Por iso, sendo consecuentes con este compromiso, hoxe quixen estar presente e acompañalos na posta en marcha destes dous plans, os de maior importe financiados neste ano dende a Dirección Xeral de Cooperación, que achega ata un 95% do total do seu orzamento.

Tanto o Plan de fortalecemento da administración local de Cabo Verde que se financia con 250.000 €, coma o Plan de sensibilización da poboación galega a través dos seus concellos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que se financia con 60.000 €, son un excelente exemplo do cumprimento dos nosos obxectivos en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Dende a Xunta de Galicia decidiuse apoiar este programa de actuacións non só polo seu carácter innovador, senón tamén polo que supón apoiar ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na súa estratexia de consolidación como instrumento vertebrador da cooperación municipal galega ou, utilizando a expresión da Fegamp, como a Axencia Municipal Galega para a Cooperación, na que se representan todas as forzas políticas.

Son consciente de que os 82 concellos e deputacións galegas que están integrados no Fondo, así como os que, de seguro, se irán incorporando, están diante dun reto que comparte, de pleno, a Xunta de Galicia: Aumentar os fondos dedicados á cooperación cos países empobrecidos tal e como demanda a cidadanía galega, e garantir a implicación nos vosos concellos de cada vez máis galegos e galegas que desexan participar en tarefas de solidariedade.

Por iso, teño a seguridade de que hoxe, este acto é un excelente punto de partida para traballar, en conxunto, para dar cumprimento a este reto.

Ao mesmo tempo, gustaríame destacar do convenio con Cabo Verde algúns aspectos do seu contido que reflicten, con exactitude, a nosa filosofía e os criterios de cómo entendemos a cooperación ao desenvolvemento.

O Plan integral de desenvolvemento en Cabo Verde inclúe accións nos eidos de ordenamento e xestión do territorio, abastecemento e depuración de augas, creación de competencias técnicas nos concellos e, sobre todo, de fortalecemento institucional dos concellos caboverdianos e da sociedade civil.

Pero, sobre todo, este plan comeza coa garantía da plena implicación do Goberno caboverdiano, que o insire no seu Plan de desenvolvemento, da Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde e dos concellos implicados. Dito doutro xeito, a Cooperación transfórmase nun punto de encontro que permite o desenvolvemento de ambas partes.

O desenvolvemento dunha sociedade nos seus valores éticos máis valiosos, como o da Solidariedade, e o desenvolvemento de aspectos básicos da outra parte para conseguir avanzar nese obxectivo de benestar ou, cando menos, na atención a necesidades estruturais, económicas ou sociais básicas.

Teño o convencemento de que os países en desenvolvemento só acadarán unhas sociedades sans e formadas se os seus gobernos e os seus concellos poden alcanzar a escala e a fortaleza necesarias para asegurar un acceso universal á educación e aos servizos básicos de todos os seus cidadáns.

Por iso, non podo por menos que eloxiar o esforzo de Cabo Verde e o seu éxito nesta política transparente e estable de fortalecemento institucional, baseada na loita contra a pobreza e o apoio á educación e á cualificación dos seus habitantes, ao que ten dedicado no ano 2003 o 26% do seu gasto público. Tanto é así, que a partires do ano 2008, Cabo Verde abandonará a lista dos países máis pobres de África, converténdose nun modelo para todo o continente.

Co desenvolvemento das institucións, e xa que logo, dos homes e mulleres non só en Cabo Verde, senón tamén en Senegal, Mauritania e Guinea Bissau, con iniciativas de cooperación semellantes, Galicia súmase ao Plan África, a estratexia prioritaria do Goberno español que aposta polo desenvolvemento dos países nos que se orixinan a maioría dos fluxos irregulares, nunca ilegais, de inmigración.

É preciso subliñar que entre 1998 e 2005, tan só o 5% da cooperación galega tivo como destino África Subsahariana, onde se atopan os países máis pobres do mundo. Pois ben, hoxe asumimos o compromiso de que o volume de recursos dedicados aos países africanos se multiplique por catro antes do ano 2009, chegando así a un 20% da nosa cooperación.
Quero aproveitar a referencia a este tema para reiterarlles a disposición do Goberno galego a aumentar ata un 73% as prazas dispoñibles para acoller inmigrantes subsaharianos.

Pero pouco coherente e pouco transformadora sería a política de cooperación galega, se se esquecese da nosa propia historia como país, e se non fose consciente da nosa corresponsabilidade na eliminación da fame, a pobreza e a desesperación que hai detrás da traxedia de cada persoa que se ve na obriga de abandonar o seu fogar, a súa terra e a súa familia para, arriscando a súa vida nun caiuco, facer unha travesía na procura dun incerto futuro mellor.

Mais este escenario precisa da concertación e a colaboración. É, como dicía antes, unha responsabilidade de todos. Precisamos dos concellos e das deputacións, pero sobre todo precisamos do apoio decidido e esixente dunha sociedade galega cada vez máis sensibilizada por rematar co que é, sen dúbida, o principal problema da humanidade.

Consecuentemente, estas accións conxuntas da Xunta de Galicia e do Fondo Galego de Cooperación que hoxe presentamos comezan en Cabo Verde, pero rematan en cada un dos seus concellos.

O Plan de Sensibilización da poboación galega asegurará que en todos os concellos membros do Fondo se fale, se mostre e se escoite o que se está a facer en Cabo Verde.

Un Plan que, levando por título “Voces de aquí e de alá. Revirando o Milenio”, promocionará accións de sensibilización e coñecemento, fortalecendo, sen dúbida, a Rede Municipalista Solidaria.

Remato xa lembrando que, por primeira vez no noso país, existe a firme vontade de que se acaden os compromisos cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Felicito, por iso, ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por levar adiante esta iniciativa e agradezo, moi especialmente, a vosa presenza.

Congratúlome pola implicación dos seus concellos no Fondo, sendo consciente de que son exemplo para outros concellos galegos no compromiso de dedicar enerxías e esforzos na tarefa común de loitar contra as causas da pobreza e pola cooperación galega. O seu porvir depende, tamén, de todas e todos nós.

Moitas grazas.

 
Volver a TitularesVolver a Actividades



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta