ActividadesVolver a TitularesVolver a Actividades
 
Intervención de Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, na sinatura do Convenio coa Dirección Xeral de Cooperación
 
 

  Convenio DXCE - Fondo Galego, clic para aumentar
Na mesa, de esquerda a dereita, Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación da Xunta de Galicia; Santiago Gómez-Reino Lecoq, secretario xeral de Relacións Exteiores; Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia; Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; e Antonina Semedo, tesoureira da Asociación Tabanka. (Foto: ©igadi.org 15/09/2006).
 
Santiago, 15 de setembro de 2006.


Señor presidente da Xunta de Galicia, señor secretario de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, señora directora xeral,
señora Tesoureira da Asociación Tabanka, señores e señoras,
prezados amigos e amigas.

Co acto de hoxe facemos realidade un soño. Achegámonos un pouquiño máis a utopía que está detrás das nosas accións. Falar de Cabo Verde é falar de Amílcar Cabral, dunha África valente e emprenderora, de povos, que como o noso, saben ben o que é ter que emigrar, do éxodo rural, dos riscos medioambientais, dun mar e dunha terra que marcan o caracter das persoas que alí habitan, dunha música que vai máis alá da morna; o talento creativo caboverdiano exporta unha imaxe viva e dinámica que ben se reflicte en dimensións económicas e sociais do arquipélago.

As miñas primeiras palabras queren e deben ser para todas as persoas que están a traballar firmemente, con ilusión e compromiso por facer da cooperación ao desenvolvemento galega, unha política pública eficaz, iso sí, cunha visión global de país, mais respetando a autonomía de cada quen.

Do diálogo vivo e constante entre o municipalismo cooperante e o governo galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior xurde este Convenio para a formulación do Plan Operativo Cabo Verde 2006- 2007, unha aposta de todos os galegos e galegas co pobo caboverdiano, coas mulleres, coa xente máis moza, coa poboación máis vulnerable que ten chegado ás nosas costas alá pola década dos 70.

O impulso que lle corresponde dar ao governo galego, o motor do sistema galego de cooperación que está a ser a DXCE materialízase nesta sinatura do convenio da que queríamos que todos e todas vos forades participes.

Convencidos de que para conquerir a xustiza social, temos que mudar e transformar as condicións socioeconómicas que provocan as desigualdades; pensar, crear, intercambiar propostas e experiencias é un reto que todos os actores no sistema temos que asumir. Eis a cooperación. Un intercambio constante, un achegarse ao sur sen esquecer a nosa ubicación periférica no norte.

Agora ben, porque estamos firmemente convencidos que os entes locais xogamos un papel básico no desenvolvemento ao sermos á institución máis próxima aos cidadáns, onde os procesos participativos poden ser reais, onde a xestión dos nosos recursos e as fontes de financiamento para mantelos son vitais; hai case dez anos que un grupo inicial de concellos nos púñamos a camiñar coa idea de traballar conxuntamente a prol de crear un espazo para o debate, para definir prioridades nos sectores de intervención e os destinos xeográficos en materia de cooperación ao desenvolvemento, convencidos de que tiñamos na nosas mans unha responsabilidade para cos demáis concellos do sur.

Os entes locais como os espazos máis próximos á cidadanía vimos reclamando novas competencias e recursos orzamentarios; é dicir, a posibilidade de participar directamente en novas áreas de decisión e de xestión; neste proceso de descentralización política-administrativa as potencialidades dos concellos céntranse nunha dobre dimensión: a experiencia adquirida en termos de xestión e a nosa función como multiplicadores da educación para o desenvolvemento, como axentes de sensibilización.

Neste proceso, que se está a producir de xeito cáseque universal, atópanse tamén as Câmaras Municipais de Cabo Verde. O asociacionismo municipal está representado pola Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, ANMCV, na que participan a totalidade dos entes locais e nos que existe unha pluralidade política e mais un consenso en torno á axenda local que se traduciu na aprobación da Axenda Autárquica, e o Estatuto dos Municipios (Lei 134/IV/ 95 do 3 de xullo).

O Fondo Galego de Cooperación e Solidarieade aposta polo intercambio de experiencias mutuas entre os entes locais galegos e o arquipélago caboverdiano, proceso que se iniciou no ano 2002.

O arquipélago de Cabo Verde é, a día de hoxe, unha referencia no contexto africano no que atinxe á consolidación do sistema democrático representativo, no impulso de plans de desenvolvemento propios, e na asunción dun modelo de crecemento baseado na participación e na distribución da riqueza.

Sen embargo, a pobreza estructural, a forte dependencia do exterior e os riscos dun crecemento económico que xenere diferenzas sociais, que poña en risco os valores culturais e a riqueza medioambiental do arquipélago, é preciso telas en conta no momento de planificación na que se atopa o goberno caboverdiano.

Neste senso, e co fin de cumplir as liñas estratéxicas definidas na Asamblea Xeral para o período 2003- 2007, elaborouse un “Plan de Acción para o fortalecemento da nova administración local caboverdiana”, co fin de afondar na calidade das accións do Fondo Galego. Eis, a planificación, o deseño de programas que inclúan proxectos concretos son unha aposta que ten en Cabo Verde o Fondo Galego cun horizonte posto no ano 2008.

O convenio que imos asinar desenvolve os principios, prioridades e obxectivos xénericos do “Plan de Acción para o fortalecemento da administración local caboverdiana 2005- 2008”. Eis, un instrumento de traballo que nos posibilita a concreción temporal, o seguimento e o grao de alcance dos resultados e metas identificadas.

Co presente Plan Operativo 2006-2007 o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta por un modelo de cooperación baseado no desenvolvemento local, participativo, sostible, endóxeno.

En concreto as actividades que se van a desenvolver implementaranse en tres illas: na Illa de Santiago, capital administrativa e illa coa maior concentración de poboación; na Illa de San Antao, unha das máis pobres do arquipélago; e na Illa de Fogo, caracterizada polo seu volcán.

Os proxectos que imos financiar, 9 en total, céntranse na dotación de infraestructuras sociais básicas: escolas, centros de saúde, abastecemento e saneamento de augas, centros socio-comunitarios; capacitación de xente nova e dous estudios que permitirán identificar e crear procesos participativos onde a sociedade civil, as comunidades se incorporen na identificación das súas necesidades.

Lembrar que temos xa no terreo ao primeiro funcionario local galego no arquipélago, o arquitecto municipal de Culleredo e que a vindeira semana viaxará a Coordinadora do Consorcio das Mariñas. Ambos os dous seleccionados no Programa Vacacións con Traballo, que impulsamos este ano por vez primeira.

Estamos hoxe aquí, os concellos galegos cooperantes, para facer visible a nosa visión do desenvolvemento, concibido como a existencia dun entorno social que permite aos seres humanos facer realidade as súas potencialidades como persoas, na construción de alternativas que redunden na mellora da calidade de vida das comunidades do sur.

A piques de celebrar o décimo aniversario do Fondo Galego queremos asumir novos desafíos e novos retos. Inzar as velas. Temos o horizonte claro: incorporación de novos concellos socios, afortalar a Rede Municipalista Solidaria, consolidar o Consello Municipalista Solidario no que están representadas ás ONGDs, espallar as actividades de sensibilización, compre lembrar a Reviravolta do ODM de Xénero celebrada no Concello de Santiago de Compostela, na que convidamos á Presidenta do Instituto da Condición Femenina de Cabo Verde, impulsar proxectos e programas que nos singularicen como actores no sistema galego de cooperación galega, etc.

Queremos baixar do escenario cos pes espidos, emulando a Cesarea Évora e seguir camiñando.

 
Volver a TitularesVolver a Actividades



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta