ActividadesVolver a TitularesVolver a Actividades
 
III Xornadas Anuais de Cooperación
 
 

Conclusións

Nas III Xornadas Anuais de Cooperación organizadas polo Fondo Galego baixo o título “Un modelo para a cooperación galega”, chegáronse ás seguintes conclusións:

1. Os tres sectores que se sinalan no Plan Director da Cooperación 2006-2009 como activos para a cooperación galega: desenvolvemento rural, riqueza pesqueira e medio ambiente, non están exentos de conflictos e problemáticas, tanto dentro como fóra de Galicia. Son tres eidos de desenvolvemento nos que Galicia conta con experiencias acumuladas, se ben en cada un deles se teñen artellado diferentes enfoques, e os resultados non se avalúan sempre de xeito positivo.

2. A diferencia de enfoques pode levar a falar, en liñas xerais, de dous modelos de desenvolvemento: un de corte productivista, máis baseado en resultados económicos e cuantitativista a curto prazo, e outro máis integrado coas necesidades humanas, o equilibrio co medio ambiente e a sostenibilidade a longo prazo. Ambos modelos, polo efecto da crecente globalización, están presentes de xeito conflictivo en case todas as sociedades, incluída a galega.

3. En relación ao desenvolvemento rural, conclúese que o modelo da industrialización da agricultura marcado pola Revolución Verde, aínda que conseguiu que se incrementase a produción de alimentos, non contemplou outros elementos fundamentais como a súa viabilidade económica (polo elevado dos insumos que precisa), social (xera moita exclusión) e ecolóxica. O fracaso deste modelo, fai necesario que se aposte por alternativas tanto de produción como de consumo máis sostibles e que garantan a soberanía alimentaria das poboacións, é dicir, o dereito dos pobos a decidir que producir e como facelo sen as imposicións dun mercado internacional que só beneficia as grandes multinacionais.

4. En materia de pesca, pódese falar tamén de dous modelos, un máis tradicional baseado en usos artesanais, e o outro máis industrializado e marcado pola tecnoloxía. Mentres que o primeiro está en crise, e busca novas canles para manterse, como por exemplo o turismo, o segundo está en expansión e conta con importantes experiencias en Galicia, que están sendo levadas a países empobrecidos para paliar a súa inseguridade alimentaria, aínda que a súa viabilidade ecolóxica aínda é unha asignatura pendente.

5. O panorama medio ambiental de Galicia non é moi alentador, e polo tanto, nin económica, nin socialmente se pode falar dun modelo de xestión do medio que deba ser exportado. Mais, si cabe sacar proveito das experiencias positivas, como en temas de saneamento ou xestión de residuos, e que poden contribuír á mellora das condicións de vida en comunidades empobrecidas e con falta de medios materiais, mantendo sempre a participación e o pleno protagonismos dos seus habitantes. A educación medio ambiental, é tamén outro aspecto fundamental, tanto dentro como fóra de Galicia.

6. A cooperación plásmase tamén a través da creación de redes de entidades locais de diferentes países e comunidades, para facer fronte común, cada un en base as súas especificidades, aos desafíos que se plantexan a nivel internacional. Tal é o caso da Vía Campesiña, movemento internacional de organizacións campesiñas, ou de RECOPADES, Rede de Comunidades Pesqueiras Artesanais polo Desenvolvemento Sostible. A articulación local debe entenderse como primeiro paso necesario para a súa posterior inserción na esfera internacional coa capacidade de xerar alternativas.

7. A cooperación ao desenvolvemento debe, polo tanto, moverse tendo en conta a complexidade de enfoques que rodean aos tres sectores dos que vimos falando, sobre todo cando estes son sectores estratéxicos para o desenvolvemento humano.

8. A cooperación galega, debe definir non só os sectores nos que pode especializarse, senón tamén o modelo co que facelo, tendo en conta a complexidade de enfoques que presentan e buscando a sostenibilidade como base fundamental de desenvolvemento.


Santiago, 22 de novembro de 2006.

 
Volver a TitularesVolver a Actividades



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/12/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta