AniversarioVolver
 
Dez anos para coller impulso
 
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) nace en 1991 como un proxecto inspirado para comprender o mundo desde aquí e proxectar a Galicia no contexto internacional. Dez anos despois é unha realidade asentada, un instrumento vivo e dinámico, que ofrece a oportunidade de implicarse no seguimento da realidade internacional e na vertebración dos intereses estratéxicos de Galicia no exterior:

• O IGADI dispón dun
Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea que recibe e clasifica máis dun cento de publicacións especializadas nos diversos conflictos e áreas xeográficas. Este Centro elabora trimestralmente un Boletín de Sumarios e mantén unha base de datos sobre as transformacións no mundo chinés. Asi mesmo acolle os principais Anuarios estratéxicos.

• Conta cunha
hemeroteca na que dende 1989 e diariamente é obxecto de clasificación a información xerada dende os medios de prensa arredor de conflictos e crises internacionais, con especial atención á evolución política, socioeconómica e en materia de defensa e relacións exteriores, de Occidente, países de Europa Central e Oriental, Rusia e países ex-soviéticos, Cuba e o conxunto de América Latina, China, Xapón e outras zonas xeográficas. Os principais conflictos e crises internacionais son obxecto dun tratamento especial.

• Impulsa reflexións arredor da
acción exterior de Galicia, habilitando unha Lista en internet (Galicia Exterior) para debater abertamente sobre tan decisiva cuestión. Igualmente acomete a realización das Guías de Recursos (de acción exterior, do Arco Atlántico), auténticos inventarios para unha acción comprometida coa inserción de Galicia no mundo.

• Intercambia información sobre o diagnóstico e prospección exterior coa
Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, no marco dun convenio estable de colaboración.

• Dispón dun amplo abano de
publicacións propias, entre as que cómpre sinalar a revista semestral de análise e estudios internacionais, Tempo exterior, e a colección Texturas internacionais.

• Coordina e exerce a secretaría do
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación do municipalismo galego que pretende a homologación e pleno desenvolvemento das políticas de solidariedade internacional.

• Promove a recuperación de figuras históricas como
Plácido Castro, participando activamente na creación da Fundación que leva o seu nome e organizando cada ano unha Conferencia Anual.

• Multiplica o seu labor de intervención social en diferentes medios: prensa escrita, radio, televisión, publicacións especializadas, etc, tanto de Galicia, como de España e outros países. Cada semana elabora o Canal Mundo, un semanario dixital de análise internacional, editado en colaboración con Vieiros (
http://www.vieiros.com).

• Xunto con outros centros, participa en numerosos encontros de debate e reflexión sobre cuestións de actualidade e interese internacional. Desenvolve, ademáis, fondas relacións de intercambio e colaboración con múltiples entidades similares de todo o mundo.

• Organiza
actividades propias: seminarios, conferencias, mesas redondas e outras, co obxecto de incrementar a sensibilización da sociedade galega arredor da importancia e transcendencia do feito internacional.

• Dispón dunha páxina web, http://www.igadi.org, permanentemente actualizada e que constitúe unha auténtica fiestra para contemplar e entender o mundo desde Galicia.

• Integrado por Luis Alvarez Pousa, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Fortes Bouzán, Jesús García Rojo, Ramón Máiz Suárez, Antonio Martínez Puñal, Xulián Maure Rivas, Manuel Mera Sánchez, Alejandro Molins de la Fuente, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Xosé Lois Rodríguez Pardo, e Lois Tobío Fernández, conta cun
Consello Asesor no que milita a pluralidade e o compromiso cunha Galicia de seu e universalista.

• Conta cun
equipo básico de traballo e de analistas que observan e interpretan dende unha óptica galega as principais transformacións do mundo contemporáneo. Igualmente conta cunha rede ampla de colaboradores en varios lugares do planeta.

• Estreita a colaboración co mundo universitario, especialmente mediante a realización de prácticas que se recoñecen como créditos nos curricula dos alumnos (Facultade de Ciencias Políticas da USC) e a oferta dunha formación complementaria e rigurosa.

• Realiza proxectos de investigación que brindan a oportunidade de afondar en problemas de especial transcendencia para Galicia. Habitualmente en colaboración con outros axentes, Universidades ou centros semellantes de calquera parte do mundo, tamén executa proxectos propios.

• Reforza a súa colaboración con todas as institucións, estreitando os seus vinculos e relacións de cooperación con múltiples entidades, a fin de promover unha maior comprensión e sinerxia da sociedade galega a respecto dos asuntos internacionais.

• Insiste na creación dun Foro Iberoamericano, atendendo á necesidade de crear espacios xenuinos para a reflexión e o intercambio a todos os niveis entre as comunidades ibérica e americana, e apostando polo fomento do mutuo coñecemento, a cooperación e a solidariedade.

• Inicia a súa andaina na xestión de programas comunitarios, especialmente no ámbito local, a fin de favorecer a súa implicación en estratexias de inserción internacional que posibiliten ese intercambio de experiencias que mellore a cualidade das políticas públicas.

• Dende o firme compromiso co noso idioma, promove a traducción ó galego dos
principais intrumentos internacionais. En 2001 recibiu o Premio da Fundación “Lois Peña Novo” pola creación e difusión en lingua galega da información internacional.

Dende o IGADI queremos expresar o noso agradecemento a todas as institucións que apoiaron o desenvolvemento das nosas actividades, e aos numerosos colaboradores que nos acompañaron nestes dez anos. Sen os uns e sen os outros, non sería posible a consolidación do IGADI como unha institución de prestixio, independente, plural, e útil á nosa sociedade.
 
Volver

Volver ao principio


Ir α pαxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/11/2001